Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Hai estudos que marcan época e hai outros que se limitan a engordar bibliotecas. O traballo “Infancia, adolescencia e benestar dixital”, de UNICEF e outras entidades, dirixido polo profesor de Psicoloxía Social da Universidade de Santiago, USC, Antonio Rial Boubeta, pertence ao primeiro grupo. Non é só un informe, é unha radiografía de alcance mundial sobre como a tecnoloxía penetra na vida da xente máis nova e deixa pegada fonda. A súa base científica é extraordinaria e merece ser recoñecida como un faro que ilumina un problema que moitos prefiren manter en penumbra. 

A análise sociolóxica que se desprende é clara: a infancia e a iniciática adolescencia conviven cunha tecnoloxía que ofrécelles aprendizaxe, relación e ocio, mais tamén riscos que se multiplican. Non se trata de porcentaxes frías, senón de realidades palpables. O móbil chega cedo, as redes sociais colonizan a vida cotiá e os videoxogos converten o salón nun casino sen licencia. A industria sabe perfectamente o que fai e, con cálculo, converte a vulnerabilidade dos menores en negocio redondo.

Aquí é onde a teoría crítica de Adorno e Horkheimer sobre a industria cultural cobra vida. O que eles denunciaban como mercantilización da cultura, hoxe vese na mercantilización da infancia. O algoritmo substitúe ao conto da avoa e o anuncio publicitario ocupa o lugar da conversa familiar. O capital non dorme e non deixa durmir aos rapaces que, así, chegan á escola coa atención dispersa.

A ironía é que todo isto véndese baixo a etiqueta de progreso. Modernidade que promete liberdade e acaba xerando dependencia. A tecnoloxía, que debería ser ferramenta útil de desenvolvemento, convértese en engrenaxe de control e consumo. A industria ofrece xogos “gratuítos” que custan convivencia, redes “sociais” que illan e contidos “para adultos” que educan sen permiso. A retranca apunta a que nunca houbo negocio tan rendible como vender problemas disfrazados de solucións.

Mentres tanto, os poderes públicos perseveran na evasión de responsabilidades políticas. Levan anos falando de regulación, pero a súa reacción é tan lenta que semella un baile de melodía clásica nunha discoteca electrónica. A administración, incapaz de erguer un muro de protección, deixa que sexan as familias e os centros educativos quen loiten cos efectos. A sociedade, abofé, tampouco observa con claridade a magnitude do problema. A opinión pública anda ocupada noutras guerras e non percibe que se está a fraguar unha crise de saúde mental que terá factura económica e social.

A tecnoloxía non é inocua e a súa chegada temperá deixa cicatrices. É fenómeno que pide valentía política e conciencia social. A infancia non pode ser campo de abuso mercantil, onde se merca a liberdade sen permiso coa promesa baleira de progreso. Certo é que prohibir o móbil ata os dezaoito anos é tan inútil como prohibir a choiva en novembro. Porén, se non se actúa, os rapaces de hoxe levarán mañá unha mochila demasiado pesada. E esa carga, por moito que se disimule, acabará por condicionar o seu futuro colectivo, hipotecando a verdadeira autonomía da xente máis nova.