O reloxo do clima
Contan as vellas narracións populares que o reloxo de area non se inventou para medir o tempo, senón para amosar como se esgota. É unha metáfora sinxela: a dun funil de vidro onde cada gran de area que cae é un intre que non volve. A gravidade, implacable, baleira a parte de arriba mentres enche a de abaixo. O único xeito de reiniciar o conto é darlle a volta, pero iso pide actual de vez.
O curioso da nosa época é que temos diante un reloxo de area climático inmenso, vemos os grans caer a mancheas, e aquí estamos, mirando para el con moita atención, pero sen mover un dedo. Agardando, quizais, que a area se canse de caer. Mais a teoría da gravidade asegura ser imposíbel.
Pois mira ti, hai xente preparada que se dedica a contar eses grans. Un informe recente, cun título que non engana, “10 anos, 10 fenómenos extremos: como o cambio climático golpea a España”, fai un inventario do que xa está aquí. É unha lista de dez eventos graves no territorio español, unha colección de como o tempo se volveu tolo. E, claro, Galiza non é unha excepción. Tamén aquí sabemos de secas prolongadas que non lembraban os avós, de chuvias torrenciais que levan todo por diante fóra de tempada, e de incendios que xa non son só incendios, son tormentas de lume. O informe simplemente ponlle cifras e gráficos ao que o sentido común xa berraba dende hai tempo. Pero o sentido común non se presenta en rolda de prensa, e así non hai quen lle faga caso.
Para xestionar esta caída dos grans, temos os grandes cumios. A última función foi a COP30 en Belém, na Amazonía. Non se pode negar o bo gusto para a escenografía. No pulmón do mundo, ou no que queda del, xuntáronse para acelerar a redución de emisións, avanzar na adaptación e mobilizar máis fondos. O de sempre. A retórica, coma sempre, impecable. O consenso inicial, emocionante. Porén, os compromisos seguen sen estar á altura do que di a ciencia. Tras tres décadas de cumios, o planeta segue a quentar. Evidencia dos gobernos e axentes negociando moito e actuando pouco. É coma discutir o prezo das mangueiras mentres a casa está en chamas.
Mentres os grans caen, ollamos a impasibilidade dos poderes públicos, a calma cómplice e interesada dos grandes negocios e a tranquilidade dos creadores de opinión. Algúns mesmo negan que a area estea caendo. Debe ser que o aire acondicionado dos seus despachos arrefría moi ben.
O reloxo segue, metódico e incansábel. A sociedade, esa entidade abstracta, terá que asumir a gravidade da emerxencia. Xa non se trata de evitar os efectos do quecemento; esa era a lección de hai vinte anos. Agora o reto é limitar os danos para que este planeta aínda sexa habitable para a especie humana por un tempo máis. Toca ser conscientes da emerxencia, exercer presión aos de arriba, aos gobernos dos cumios e aos dos consellos de administración. Porque o reloxo de area climático non espera por ninguén, e nesta versión do conto, non hai man que lle vaia dar a volta.
