Estatística sen fariña
Vai todo coma un foguete. Iso cóntanos. Os grandes números da macroeconomía estatal locen que dá xenio velos. Os da galega, non fican moi atrás; aínda que algo si. O Produto Interior Bruto medrou un 14,4 % entre 2020 e 2024, e no 2025 segue a ritmo do 3 %, tres veces máis que a media comunitaria. A locomotora vai lanzada, din. Porén mentres os vagóns de primeira clase celebran, nos de clase traballadora a xente segue viaxando de pé, sen calefacción e sen billete de volta.
Pero hai un aquel, un non sei que, que non acaba de cadrar. Mentres algúns erguen copas con viños espirituosos para celebrar os balances financeiros, a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social tráenos a resaca sen ter probado o viño. O seu 15º informe, dado a coñecer este pasado mes outubro, é un exercicio de realismo moi cruel: case un 28% da poboación segue en risco de pobreza ou exclusión social; o que chaman AROPE. Isto, que xa é unha cifra teimuda, sitúanos moi por riba da media europea, que non chega ao 22%. Somos máis europeos para o prezo da luz que para o risco de pobreza. E nese reconto, non é excepción o territorio galego.
O paradoxo faise aínda máis fondo cando miramos o que pasa coa clase traballadora, esa xente que se levanta pola mañá para xerar ese PIB tan lustroso, non ve mellora proporcional nas súas rendas. O emprego medra, si, pero a calidade do traballo non. A precariedade segue a ser norma, non excepción. Os salarios non acompañan o crecemento estatístico, e a desigualdade mantense teimuda. A riqueza acumúlase arriba, na lista Forbes, mentres abaixo repártense as migallas.
Os sociólogos teñen un nome para isto, chámanlle a teoría da “privación relativa”. Non se trata só de ser pobre; trátase de sentirse pobre, de ver o escaparate cheo de tortas macroeconómicas mentres ti nin sequera tes pan. A frustración non vén da carencia absoluta, senón da comparación entre o que un ten e o que, por equidade, debería ter vendo a riqueza que se xera ao seu redor.
Esa frustración bate contra un muro. Literalmente. O muro da vivenda. O salario precario non dá para milagres. Cando un 10% da poboación xa sofre exclusión residencial severa, e cando case o 41% das persoas, con traballos precarios e baixos salarios, que buscan vivenda teñen que dedicar máis do 40% dos seus ingresos a pagar o teito, o de “mercar” ou “alugar” soa a ciencia ficción.
Mentres tanto, os informes acumúlanse, os datos brillan e os discursos celebran. Pero nas casas, nos ámbitos da veciñanza, nos comedores escolares e nas colas do supermercado, a sensación é outra. A de que a economía vai ben, pero non contigo. Abofé irá ben para outros. A de que hai moita estatística, pero pouca fariña. E sen fariña, non hai pan. E sen pan, non hai país. E iso non é xusto.
