A asociación de veciños San Andrés de Barrantes será recoñecida como ‘Ribadumiense en prol do galego 2026'

A asociación de veciños San Andrés de Barrantes recibirá este ano o recoñecemento ‘Ribadumiense en prol do galego 2026’, en conmemoración polos seus corenta anos de traxectoria onde destaca o seu compromiso coa lingua, as tradicións e a identidade galega, promovendo actividades que fortalecen o tecido veciñal e fomentan a participación cidadá.
Trátase dun galardón que xurde no marco da celebración do Día das Letras Galegas, como unha oportunidade de recoñecer e poñer en valor o papel esencial que desempeñan as entidades veciñais, sociais, culturais ou deportivas na dinamización social e cultural do concello. As súas directivas, formadas na súa meirande parte por veciños e veciñas de Ribadumia, realizan, de xeito altruísta e con gran esforzo e sacrificio de tempo e vida persoal, un labor digno de ser recoñecido, apoiado e agradecido por toda a comunidade.
O equipo de goberno local formalizou a proposta ao pleno e realizará a entrega do recoñecemento cun acto institucional o vindeiro 17 de maio, no auditorio municipal, con motivo da celebración do Dia das Letras Galegas. Así mesmo, desde o Concello extenderon este recoñecemento a todas aquelas persoas xa finadas que formaron parte da asociación.










