
A Concellaría de Cultura de A Illa presentou hoxe unha programación de outono con teatro, música, contacontos, Samaín, astronomía e actividades para toda a familia. A programación desenvolverase durante os meses de outubro e novembro e combinará propostas culturais, de lecer e participación para públicos de todas as idades.
A programación arrancará no auditorio o sábado 3 de outubro, ás 20 horas, coa representación de ‘Dous no camiño’, de Fran Rei e Isabel Risco, baixo a dirección de Avelino González. Un espectáculo para todos os públicos que dará comezo a unha programación que busca achegar a cultura á veciñanza e ofrecer alternativas de ocio ao longo do outono.
Samaín
O Samaín terá un protagonismo especial durante os meses de outubro e novembro. O domingo 18 de outubro, ás 17 horas, o multiusos acollerá ‘Contos para cachar patatillas’, con Brais das Hortas e Charlatana, unha sesión de contos “para morrer de medo... ou de risa!”. O día 25 será a quenda de ‘Contos arredor do lume’, con Alba de Valés, unha proposta de contacontos e narración oral para gozar en familia.
As actividades do Samaín continuarán o venres 30 de outubro, na Praza do Concello e co tradicional Desfile de Samaín e chocolatada. E xa o 31 de outubro, o auditorio converterase en escenario de ‘GaleRock’N’Magic’, un espectáculo de Mago Teto, acompañado de música en directo da man de Mr. Cool e Fer Risco.
A programación continuará en novembro cunha nova proposta teatral no auditorio.
O sábado 7 de novembro, Isabel Risco presentará ‘As aventuras de Naviza Girl: O estraño caso da cultura minguante’, unha obra tamén dirixida por Risco e destinada a todos os públicos.
O domingo 8 de novembro, a Praza do Concello acollerá o Magosto, organizado coa colaboración da ACD Dorna. No multiusos, o 13 de novembro,, celebrarase un ‘Obradoiro de xogos de mesa’.
Divulgación científica
Dentro da programación inclúese ademais unha actividade de divulgación científica: ‘Descubrindo as estrelas, unha sesión de observación do ceo nocturno con telescopio’, coa colaboración do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. A actividade está prevista para o 16 de outubro, aínda que o lugar e o desenvolvemento concreto estarán condicionados polas condicións meteorolóxicas.
A programación de outono incorpora tamén unha actividade especial con motivo do Día dos Dereitos da Infancia. O 20 de novembro, o multiusos acollerá unha ‘Xincana Familiar’, acompañada dunha merenda saudable.
O Cineclube Entrecortiñas, que manterá as súas sesións semanais os mércores, ás 20 horas no auditorio Municipal, ofrecendo ao longo destas semanas novas propostas cinematográficas.













