Una nova comisión recupera as festas patronais de Vilanova unha década despois
Cinco veciños revitalizan uns fextexos que, durante nove anos, só se limitaron ás citas relixiosas

As festas patronais de San Cipriano e A Pastoriza regresan a Vilanova tras nove anos sen comisión. A nova organización, formada por cinco veciños, recupera a programación lúdica e musical dunhas celebracións que se desenvolverán os días 11, 12, 13 e 16 de setembro.
Así o avanzaron hoxe desde o Concello, recordando que a tradición relixiosa mantívose durante estes anos, pero o ámbito lúdico e musical quedara interrompido. Agora, unha nova comisión formada por estes cinco veciños da vila colle o relevo “coa ilusión de recuperar unha das citas máis tradicionais do calendario”.
Os integrantes da comisión visitaron o Concello para presentar, xunto co alcalde, Gonzalo Durán, o programa das festas. O rexedor mostrou a súa satisfacción pola recuperación das celebracións e agradeceu especialmente o compromiso dos veciños que decidiron asumir a organización. “Por fin temos unha comisión de festas, despois de tantos anos”, sinalou. Durán destacou tamén o completo que é o programa, con “catro días de festa cargados de actividades e celebración”, tanto de carácter relixioso como de ocio diurno e nocturno para todos os públicos.
As festas servirán, ademais, para poñer o punto e final á programación cultural estival de ‘Sonatas de Verán 2026’, que segundo o rexedor, está a ser “un auténtico éxito”. “Nunca houbo tanta xente nos eventos que fixemos e agardamos que desta vez sexa igual”, afirmou. Dende o concello agardan que a programación de setembro se converta tamén nun atractivo para a veciñanza, visitantes e peregrinos.
Pola súa banda, o presidente da comisión, Ramón Tourís, trasladou o seu agradecemento ás institucións e á veciñanza polo apoio recibido, así como aos “bares, empresas e comerciantes que nos axudaron neste reto”.
A programación relixiosa dará comezo o 3 de setembro, coa novena na igrexa da Pastoriza. O domingo 6 terá lugar o inicio oficial das festas, co pregón inaugural na Praza do Castro a cargo do cronista oficial da vila, Benito Leiro, seguido do canto do Himno a Vilanova. O venres 11 estará adicado a San Antonio de Padua e traerá unha verbena co Trío Arena e La Bamba. O sábado 12, coincidindo coa festividade de San Roque, a programación contará co Grupo Galia e a Disco Móbil Euphoria. Ao día seguinte, o domingo 13, será a xornada na honra da copatrona, Nosa Señora da Pastoriza. Haberá sesión vermú a cargo de Vilamariachi e pola noite terá lugar a verbena amenizada pola orquestra Aché, seguida dun espectáculo de fogos de artificio. Finalmente, o mércores 16 de setembro, día de San Cipriano patrón de Vilanova, a programación contará coa actuación de DJ Cristian Álvarez e da orquestra Marbella, antes do remate das festas cun novo espectáculo de fogos de artificio. Haberá misa e procesión os catro días, así como pasarrúas e outras actividades para todos os públicos.
“Con esta programación, Vilanova recupera a dimensión lúdica das súas festas patronais sen renunciar á tradición relixiosa que se mantivo viva durante estes nove anos, nunha volta das celebracións patronais nunha nova etapa”, concluíron.











