A Xunta fai labores de conservación en once quilómetros de ríos en Meis, Ribadumia e Vilanova

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en máis de 11 quilómetros dos ríos Canon, Manela, Monte, Umia e Armenteira ao seu paso polo concello pontevedrés de Meis e outros limítrofes como Vilanova e Ribadumia.
As tarefas que xa foron comunicadas ao Concello desenvólvense en varios lugares das parroquias de Nogueira, Lois, Paradela, San Lourenzo, Baión, Armenteira e San Martiño de Meis e consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle, así como tamén na roza puntual e selectiva de acceso á mesma. Os traballos, que se prolongarán ao longo de 14 semanas, realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras, podadoras e outras ferramentas manuais, que contarán co apoio de maquinaria de maiores dimensións como unha minidumper e un camión.
Unha vez rematadas, “os tramos fluviais presentarán mellores condicións para a circulación das augas, contribuíndo tamén á conservación do ecosistema fluvial e á prevención de incidencias asociadas á acumulación de elementos na canle”, valoran desde a Xunta.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento dunha zona do río Umia catalogada como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).
O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.











