A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación das obras de humanización e mellora da seguridade viaria na rúa Campo da Feira, na contorna da Casa Consistorial de Meaño, por valor de preto de 42.000 euros.
O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, informou hoxe da luz verde á adxudicación na xunta de goberno da institución provincial e lembrou que o obxectivo principal das obras é levar a cabo unha reorganización desta zona para que recupere a súa funcionalidade como extensión do Campo da Feira, buscando fomentar a convivencia de todos os sistemas de desprazamento e repartindo de maneira equitativa o espazo público.
O proxecto céntrase nun treito de cen metros de lonxitude na EP-9303, que une as localidades de Meaño e Dena.
Na actualidade, a vía presenta un carril de circulación por sentido, con bandas de aparcamento en liña e beirarrúas en ambas marxes cuns anchos insuficientes. A intervención buscará construír unha zona de convivencia en plataforma única de prioridade peonil, cunha estética coidada, mobiliario urbano e vexetación. Así mesmo, inclúese no proxecto unha renovación da rede de pluviais, ademais das instalacións de saneamento, rego e a reposición da iluminación.
As obras de humanización da rúa Campo da Feira están financiadas conxuntamente pola Deputación, que achega o 70% do orzamento, e o Concello de Meaño, que aporta o 30% restante. Os traballos teñen un prazo de execución de cinco meses.











