A Escola de Arte Caliveras inicia a cuarta edición do seu Campamento de Artes de Verán en Vilanova

A creatividade volverá ser a protagonista este verán na localidade saliniense de Vilanova de Arousa coa celebración da que será xa cuarta edición do Campamento de Artes da Escola de Arte Caliveras, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos de idade e que se desenvolverá dende este luns e ata o vindeiro 24 de xullo.
Dende o Concello vilanovés explican que, durante catro semanas, os participantes nesta experiencia chea de actividades gozarán dunha programación variada na que ámbitos como a arte, a experimentación e o xogo se combinan para ofrecer unha experiencia diferente durante as vacacións.
Deste xeito, pintura téxtil, muralismo, manualidades, música, experimentos científicos, obradoiros de cociña e proxectos creativos compartirán espazo con dinámicas ao aire libre e actividades inspiradas na contorna natural que rodea Vilanova de Arousa.
Creatividade e natureza
O campamento, engaden dende a entidade local vilanovesa, “busca fomentar a imaxinación, a curiosidade e a capacidade de expresión dos máis pequenos, ofrecéndolles un espazo onde crear, descubrir e aprender a través de experiencias prácticas e participativas”.
“A natureza tamén terá un papel destacado, converténdose nunha fonte de inspiración para moitas das actividades e promovendo a observación, o respecto polo medio e a conexión coa contorna natural”, indican dende o Concello de Vilanova.
Referente comarcal
Tras consolidarse como unha “proposta de referencia para numerosas familias” da comarca saliniense, o Campamento de Artes de Caliveras preséntase un ano máis como unha “alternativa orixinal para quen busca unha experiencia de verán centrada na creatividade, a convivencia e a aprendizaxe, complementando outras opcións de lecer máis orientadas á actividade física e deportiva”.
Desde a organización destacan que o principal obxectivo é que cada neno e nena goce, experimente e gañe confianza nas súas propias capacidades mentres comparte tempo e experiencias con outros participantes.










