‘Salnesiña’, a mascota que nace para tentar reverter a falta de galegofalantes nas escolas
Os Equipos de Dinamización da Lingua en O Salnés detectan un alarmante descenso na poboación nova

Moi poucos alumnos de Infantil e Primaria en O Salnés son galegofalantes. Esa é a clara radiografía que os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) dos centros escolares da contorna detectan por igual nos nove municipios: clases de vinte nenos onde ningún, ou como moito un par deles, teñen o galego como primeira lingua ou vehicular.
O traballo deste grupo de mestres comezou hai dous anos. Fixeron pesquisas de campo e están en vías de consolidarse como coordinadora. Porque teñen claro que esta situación hai que revertela. Para iso nace ‘Salnesiña’, unha mascota que será a fronte máis visible dun proxecto docente que intentará incentivar o uso do galego nos escolares o vindeiro curso. Quéreno facer dun xeito “amable, non como competición política”, pero si con compromiso. Así o explicaba onte un dos membros destes EDLG, Javier García, nun día no que o proxecto e a mascota foron presentados en sociedade na Casa da Calzada de Cambados.
A creación é obra da artista de Portonovo Yolanda Martínez e foi deseñada a partires das propostas recollidas nos diferentes centros.
O nome da mascota saíu dun concurso no que participaron alumnos de ata 22 centros de ensino de O Salnés, con propostas tan sonoras como ‘Albariña’ ou ‘Salga’. Finalmente, ‘Salnesiña’ foi a opción elixida, para dar nome a unha personaxe cargada de símbolos: cara de pandeireta, con nove ferrallas, como nove son os municipios da comarca, en diferentes cores; corpo de mexillón, botas amarelas que representan á infancia chapotenado nas charcas, o vento coma bufanda, ondas do mar como cabeleira e follas de carballo como chamado á terra.











