Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
O Salnés

Miguel González | “Meaño sempre foi un lugar de paso, descoñecido, pero ten moito que ofrecer”

Miguel González leva dous anos sendo membro da directiva da Confraría de gastronomía e viños Corazón do Salnés, de Meaño

Miguel González leva dous anos sendo membro da directiva da Confraría de gastronomía e viños Corazón do Salnés, de Meaño. Porén, leva toda a vida vencellado á viticultura. Hoxe fálanos desta forma de promocionar Meaño por todo o mundo. 

A Confraría está formada por viticultores, adegueiros e hostaleiros. Cal é o seu caso?

Eu teño unha empresa de servizos, traballo con outros viticultores, adegas… A vinculación co mundo do viño é desde rapaz, porque na casa houbo sempre viñas. Propuxéronme entrar na confraría hai un par de anos, dixen que si, e boto unha man no que necesiten.

O propósito é divulgar o viño e a gastronomía do Salnés en forma de confraría, que é algo que se asocia máis á relixión.

Hai diferentes formas de promover a gastronomía e unha delas é esta. Por España adiante e no estranxeiro hai confrarías de cousas moi variadas.

De feito, veñen de estar no País Vasco, cunha confraría que era de anchoa do Cantábrico.

Si. Asistiron 15 confrades de Meaño acompañados polo alcalde, Carlos Viéitez. Cando unha confraría visita outra, hai un compromiso para que eles tamén veñan e promovan aquí os produtos da súa terra.

Que cousas lles chaman a atención cando veñen eles aquí?

Estamos acostumados a que se coñeza Sanxenxo, O Grove, Cambados, que son os concellos turísticos. Meaño sempre foi un sitio de paso e un descoñecido, pero ten moitas cousas que ofrecer. No mundo do viño ten unha importancia relevante, xa que é un dos concellos con máis hectáreas de viñedo dentro da D.O., pero tamén é un dos que ten máis máis adegas de tamaño mediano e pequeno. Hai unha forma de facer a viticultura en Meaño que o diferencia doutros. Iso é unha das cousas que máis lles chama a atención: os viños moi diferenciados entre unhas adegas e outras, porque son elaboracións máis pequenas. Despois, temos un anaco de ría moi bonito, con paseos, o roteiro dos Muíños de Lores, uns miradoiros preciosos como o de San Cibrán, o da Queimada, o Banco do Amor... Cando visitan Meaño chámalles a atención que hai máis cousas das que eles coñecían.

Por que ten Meaño unha forma diferente de facer viticultura?

En Meaño non se fixo concentración parcelaria, entón todas as parcelas que hai son moi pequenas. Iso supón que hai diferentes formas de cultivalas, diferentes tipos de terreos... e tamén se traduce na elaboración e en viños máis diferenciados. Iso é bonito tamén.

A Festa do Viño e o Capítulo celébranos a terceira semana de xullo. Que se fai alí?

Faise un desfile con todas as confrarías que asisten, soben ó palco, faise a lectura do pregón pola persoa invitada pola organización do Viño e despois fanse uns agradecementos e nomeamentos. Os de honra sempre recaen en alguén pola súa traxectoria laboral, sobre todo persoas maiores que levan moitos anos vinculadas ó mundo da gastronomía ou do viño. Hai outras mencións, como as de embaixadores, que o ano pasado recaeu en Rafael Louzán, presidente da Federación de Fútbol. Despois faise un percorrido por todas as casetas para que proben os viños de todas as adegas e iso acaba nunha comida de confraternidade nun restaurante local. A Festa de Meaño celebra o seu 25 aniversario, que non é pouca cousa, e hai unha calidade de viños moi alta.

Pode dicir algo da deste ano?

O 29 de maio vanse nomear sete persoas como novos membros da confraría. Os últimos dous anos fíxose no Eirado da Besada, en Xil, pero neste está por determinar o sitio.

Canta xente hai na confraría?

Somos 45 socios. Deles, 12 son mulleres. O da paridade aínda non o conseguimos. Cada ano vaise incorporando máis e xente nova, por non seguir a liña de confrarías con só xente maior. Queremos que sexa un pouco máis diversa, máis alegre.

Que significa para vostede formar parte da confraría?

Sempre é unha honra. Todos os que formamos parte dela temos que ver co sector que estamos a promover. É unha forma tamén de visitar outras confrarías gastronómicas onde se están promovendo outros produtos. Cando vou, desfrútoo moito porque o vivo dun xeito moi intenso. Para outros socios, ás veces é unha forma de facer turismo. Hai que ter en conta que o ano pasado visitáronnos na Festa do Viño 29 confrarías, unha de Francia e unha de Canarias, entre elas. Iso son unhas 150 persoas. Algunhas xa viñeron uns días antes, pernoctaron nun establecemento de Meaño e botaron unha semana de vacacións aquí. Entón, isto non é só unha forma de promover a gastronomía.

Como vai a colleita este ano?

Estamos a vivir un momento complicado, porque baixaron os prezos de uva, as vendas pararon un pouco, entón os adegueiros e os viticultores en xeral están preocupados. Iso non é bo para a economía local. Noutros momentos malos sempre saíu algo bo: na anterior crise saíron os espumosos, viños máis envellecidos... Disto sairá outra cousa boa, buscaranse novos mercados. Son momentos que hai que vivir e aprender deles.

Das viaxes que fixo, que produto recorda especialmente?

O percebe de Muxía deixoume un bo recordo. Levo pouco tempo, hei de visitar outras confrarías e seguro que ha de haber moitas cousas que me van sorprender.

Cando compara os viños doutros sitios cos de aquí, que opina?

É unha pregunta complicada. Eu quedo cos de Galicia. Temos uns viños riquísimos, pero tamén por España adiante, que é un dos maiores produtores de Europa. Hai que estar aberto sempre a probar outros e desfrutar deles, igual que fan os confrades doutras zonas cando veñen e proban os de aquí.