Dornas en A Illa e entrega do galardón anual en Ribadumia para celebrar o Día das Letras Galegas
Destacaron a asociación de veciños de Barrantes e a vinculación de Begoña Caamaño coa vila insular

A Illa de Arousa e Ribadumia celebraron hoxe o Día das Letras Galegas con sendos actos que son xa auténticas tradicións en ambas localidades. Na vila insular, a Asociación Cultural e Deportiva Dorna organizou a súa festa deste 17 de maio, con pasarrúas, música popular e inicio da tempada de navegación tradicional, coas embarcacións despregando as súas velas no porto do Xufre.
Tratouse dun acto especial, en homenaxe á escritora e xornalista Begoña Caamaño, “que mantivo un fondo vínculo coa Arousa, onde residiu e onde atopou inspiración para gran parte da súa obra”. “A súa sensibilidade polo mar, a memoria e as identidades costeiras estarán presentes nesta xornada”, indicaron.
Foi cara o mediodía, nun acto que volveu contar con moi boa acollida e horas antes de que Ribadumia iniciase a gala anual de Ribadumienses a Prol do Galego. Trátase nunha cita que recoñece cada ano a persoas, colectivos ou entidades polo seu papel ou actividades na promoción, uso ou defensa do idioma ou cultura galegas. Nesta ocasión, a cita, presidida polo alcalde, David Castro, homenaxeou á asociación de veciños San Andrés de Barrantes.











