Medio Rural destina máis de 600.000 euros á mellora de camiños e vías en Ribadumia
O Concello propón que o investimento do Plan Camiña vaia para a contorna da igrexa de San Fins, na parroquia de Lois

A Xunta destina máis de 600.000 euros á mellora e posta en valor de diferentes infraestruturas rurais no concello de Ribadumia, incluíndo intervencións en camiños de parcelaria, noutras vías municipais, a mellora de servizos básicos e outras actuacións. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha visita a este municipio, na que estivo acompañada polo seu alcalde, David Castro, e pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez.
A conselleira comprobou os avances nas obras de mellora de 79 camiños da parcelaria de Lois-Monte, que contan cun investimento de máis de 400.000 euros. Os labores céntranse na apertura de novos camiños e na ampliación e mellora ou acondicionamento dos existentes. En total, acometeranse actuacións en máis de nove quilómetros. Isto compleméntase con outras 13 obras consistentes principalmente en canalizacións de augas pluviais ou a construción de accesos a fincas, entre outras.
Gómez sinalou que, grazas a esta actuación, mellorarase unha parcelaria que abrangue unha superficie de algo máis de 700 hectáreas de superficie de 1.515 propietarios, divididas en preto de 8.780 parcelas e máis de 2.100 fincas.
Apoio de 100.000 euros para mellorar servizos básicos
A maiores desta intervención, cómpre salientar outras iniciativas financiadas pola Consellería do Medio Rural e que redundarán na mellora das infraestruturas deste municipio. Así, dentro do Plan Camiña Rural 2026/2027, Ribadumia vaise beneficiar dunha achega de arredor de 52.000 euros para a mellora do camiño de acceso ao núcleo de Coruto.
A estes fondos, cómpre engadir arredor de 48.000 euros que se destinarán tamén este ano á mellora do camiño de acceso a instalacións municipais en Regueira-Leiro e os 100.000 euros que recibirá o concello dentro das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais. Precisamente, esta resolución publicouse onte no Diario Oficial de Galicia e, no caso de Ribadumia, o orzamento destinarase á mellora da contorna da igrexa de San Fins de Lois.
Aposta pola mobilización de terras
Nesta visita, a conselleira do Medio Rural reafirmou a aposta do Goberno galego pola mellora das infraestruturas e tamén polas parcelarias como unha ferramenta clave de mobilización de terras. Neste senso, lembrou que este ano destínanse 16,7 millóns de euros para seguir impulsando este tipo de procesos, catro máis que no 2025.
A maiores, destacou que desde o 2020 entregáronse un total de 39 concentracións parcelarias. En conxunto, supoñen unha superficie de máis de 27.000 hectáreas que beneficiaron preto de 20.460 propietarios. Gómez engadiu que se seguirá traballando nesta liña coa previsión de entregar 25 parcelarias antes do 2028, entre as que se atopan as de Alfoz e Mesía deste mesmo ano, así como iniciar os trámites para decretar sete novas reestruturacións neste 2026.










