Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Arousa en Transición

Ana Millán | “Reducimos a factura da luz nun 50% e este proxecto é unha semente para o futuro”

Dende 2020 traballan para converter a A Illa nun lugar menos dependente dos combustibles fósiles, producindo enerxía coas súas propias placas fotovoltaicas e vendendo os excedentes

Ana Millán é a presidenta de Arousa en Transición, unha asociación nacida no 2020 despois de que o Concello inscribise a A Illa no proxecto europeo “Enerxía Limpa para as illas da Unión Europea”. Tras iso comezou un proceso participativo no que a cidadanía puido aportar ideas para que A Illa, en 10 anos, avanzase cara a descarbonización. Millán fálanos hoxe das dificultades que atopan neste camiño e do futuro do proxecto.

Constituíron na Illa unha comunidade enerxética local. Que é isto?

Esa foi unha das ideas faro que xurdiu das xornadas sectoriais que organizamos en 2020: a autosuficiencia enerxética, pero tamén noutros sentidos. Por exemplo, tradicionalmente na Illa plantáronse patacas e, se cadra, imos ter que volver plantar. Crear unha cooperativa de consumo para saber que comemos, tamén é eficiencia enerxética. É algo distópico que comamos patacas de Exipto ou laranxas de Sudáfrica, cando temos aquí terra. No tocante á comunidade enerxética, é unha asociación para promover enerxía. Para o noso primeiro proxecto de xeración eliximos os paneis fotovoltaicos. Son custosos e non todo o mundo pode poñelos, polo que se o facemos compartindo gastos, sae máis barato e é máis eficiente. Nós lanzámonos cando saíron as primeiras axudas do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía), descoñecendo un montón de cousas, pero criamos e seguimos crendo máis que nunca no proxecto.

Pero houbo moitas dificultades nese camiño, non si?

Hai moitas trabas administrativas. En Europa as comunidades enerxéticas están á orde do día, e  tamén noutras Comunidades como País Vasco e Cataluña. Pero aquí, cando falabamos diso, non tiñan nin idea e mirábannos con resquemor. Houbo quen alegou que buscabamos o ben para un grupo, cando as comunidades enerxéticas están pensadas para o ben común e para que as persoas pintemos algo máis que ser meros consumidores que paguemos facturas. Para que sexamos pezas clave como produtores e consumidores de enerxía.

Canta xente forma parte hoxe da comunidade? Están abertos a máis incorporacións?

Somos unhas 90 e, se queren formar parte, só hai que cubrir unha folla de inscripción, pagar 20 euros ó ano e xa reciben toda a información. Ademais da enerxía, tamén levamos a cabo sensibilización en tema medioambiental, turismo masivo, etc.

O proxecto Mar&Luz incorporou placas fotovoltaicas. Onde están?

O proxecto ten varias patas, porque nos esixían pedir diversas tecnoloxías. Dunha banda pedimos paneis fotovoltaicos; doutra, unha estación dobre de cargadores de coches eléctricos, e  un dispositivo intelixente que temos instalado nos nosos fogares, co que vemos en tempo real o que estamos consumindo e o que están producindo os paneis, que están nunha nave do Concello en Testos, ó lado do campo de fútbol. Nese primeiro proxecto participaban 12 casas, o Concello, a OPP20 e logo entrou tamén a Lonxa. Cada un de nós dispoñemos de 2Kw/h. Se os consumes, estupendo, e se non, queda para o peto común. No noso caso, vendemos o excedente.

Por que decidiron vender o excedente de enerxía?

Temos moitísimos problemas para recibir subvencións. Por exemplo, acudimos á Deputación de Pontevedra, que recibiu unha axuda para impulsar comunidades enerxéticas. Solicitamos colaborar e preguntamos se tiñan algunha axuda e dixéronnos que tiñamos que volvernos constituír, pero como asociación veciñal. E mentres, vemos como os cartos públicos van para proxectos de interese non tan xeral e nós non recibimos nada. Temos a axuda de Coop57, cooperativa de servizos financeiros. Os bancos pedíannos avalar o proxecto coas nosas propiedades e eles permitíronnos que esa responsabilidade fose compartida, avalando cunha sinatura e cada un cunha cantidade económica.

Integrantes da directiva deste colectivo, na localidade insular
Integrantes da directiva deste colectivo, na localidade insular
| Mónica Ferreirós

Como regresan eses cartos da venda do excedente?

Eses cartos son os que nos permiten pagar os xuros da débeda que temos con Coop57, porque ademais de pedir un anticipo para construir o proxecto, tamén pedimos 10.000 euros de préstamo. Ademais, ó vender enerxía tivemos que darnos de alta en Facenda para facer o trimestral de IVE. Todo iso o leva unha asesoría, que tamén son gastos.

Para facernos unha idea, canto paga de factura da luz alguén que estea no proxecto?

Primeiro, que non teñan medo, porque non hai que facer ningunha obra. Só tes que entregar a túa factura da luz. A nivel de recibo, o feedback que nos chegou é moi bo, porque vemos reducida a factura preto dun 50%. Ademais, pensamos que este proxecto está sementando algo a nivel simbólico de cara ó futuro.

E se non hai sol?

Os paneis cando mellor producen é na primavera, pola incidencia lumínica. Pero aínda que chova, con que haxa luz, podemos producir enerxía.

No apagamento de hai un ano, puideron manter a luz?

Non, porque necesitariamos un “back up”, que permite desconectarte da rede, pero para iso precisas ter almacenaxe de enerxía, que non temos aínda.

Coménteme sobre o segundo proxecto que teñen.

Foi unha travesía polo deserto. Tiñamos aprobado instalalo no tellado do CEIP Torre-Illa, pero Educación denegouno, alegando que era panel sandwich, cando o Concello acababa de colocar placas noutros tellados iguais. Neste proxecto si que hai unha solución de almacenaxe de enerxía e confórmano 22 familias. Tamén entra o Concello e a Agrupación de Mexilloeiros da Illa.  Son paneis fotovoltaicos que queremos trasladar á Praza de Abastos, pero hai que facer un novo proxecto técnico, o que implica máis gasto. Xa temos a axuda xa do IDAE e o prazo para construilo é ata finais de ano. Vai saír adiante, pese a quen lle pese. As comunidades enerxéticas son o futuro.