Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
O Salnés

Manuel Vidal | “Queremos ser a ferramenta que faga realidade os soños dos emprendedores”

Manuel Vidal Seage é o presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla Umia

Manuel Vidal Seage é o presidente do Grupo de Desenvolvemento Rural Salnés-Ulla Umia, unha asociación sen ánimo de lucro que impulsa proxectos no rural mediante as axudas chamadas Leader, da Unión Europea, tratando así de crear postos de traballo e fixar poboación no rural.

Que é exactamente o GDR?

Ten a fórmula dunha asociación e está baseada nunha estratexia de desenvolvemento local participativo. Aglutina todos aqueles colectivos dunha determinada zona para conseguir os obxectivos que se fixaron no programa Leader, da Unión Europea. Esa estratexia trata de tomarlle o pulso ós distintos sectores productivos e ver vantaxes e oportunidades que se poderían trasladar ó territorio, para conseguir potenciar o rural e que haxa asentamento poboacional nel.

Que vantaxes ten acudir ó GDR?

Ten un montón de vantaxes. Ademais de que calquera colectivo que queira, poida crear unha empresa, contan coa tutela dun organismo que xestiona o papeleo, orienta nas fases que hai que cumprir e supervisa todo o proceso ata que culmina, ademais de financiar unha parte importante do proxecto, se acada esa puntuación mínima.

Quen pode acceder ás axudas?

Distribuímolas en tres grandes áreas: proxectos produtivos, non produtivos e outro tipo de proxectos. Os produtivos son os que parten da empresa privada, que quere acometer unha serie de melloras. Os non produtivos son os formados polos concellos. O GDR Salnés-Ulla Umia aglutina 16 concellos e eles úsano para cousas do máis variopintas: mellorar accesos, parques infantís, materiais para asociacións... E o terceiro grupo está formado por colectivos do estilo de comunidades de propietarios de montes en man común, que tamén poden aportar o seu saber facer.

Como é o proceso, dende que alguén presenta un proxecto ata que se lle concede a axuda?

Procuramos que sexa rápido. Cando calquera promotor contacta con nós, o primeiro que se fai é unha análise de que é o que se quere. Pídese algunha documentación e xa se pasa ó meollo: baremamos os puntos, vemos se encaixa dentro desa estratexia e, se o fai, analizamos se crea ou mantén emprego e que sinerxias pode ter co resto dos sectores.

Que porcentaxe de propostas finalmente saen adiante?

Somos un dos GDR de Galicia que acada unha maior porcentaxe de finalización dos proxectos. Parte é mérito tamén dos promotores, que xa veñen cun proxecto maduro. Por riba dun 90% dos proxectos que finalmente se aproban, saen adiante.

Para proxectos produtivos a axuda pode chegar ata o 50%, pero para os non produtivos pode acadar o 90%. Por que esta diferencia?

Trátase de certa corresponsabilidade. Entendemos que nos sectores produtivos o obxectivo é maximizar uns beneficios económicos, pero nos non produtivos do que se trata é de maximizar un benestar que vai revertir positivamente nunha comunidade. Por iso entendemos que ten que haber esa discriminación positiva.

O GDR Salnés-Ulla Umia é dos máis activos de Galicia. Por que?

Na zona do Salnés o peso específico da viticultura ou do turismo é moi importante. Cara ó Ulla e o Umia isto non é tan relevante, entón hai que facer un “mix” de todo. Tamén é mérito dos promotores, xa que é unha zona onde a xente se anima e ten iniciativas. Cada ano sempre temos sorpresas con algunha cousa que dis “que boa idea”.

Recorda algunha en concreto?

Nesta última convocatoria hai un proxecto que creo que é pioneiro, sobre facer unha biorefinería de algas. Darlles unha segunda vida a nivel medicinal, de abono... Outro é un tanatorio e incineradora para mascotas. Require certa inventiva e coñecemento do mercado. Unha das cousas que mellor nos fan sentir é que son proxectos que son un revulsivo para as zonas nas que se asentan. Crean emprego, asentan poboación, e dan a idea de que no rural tamén se poden levar a cabo iniciativas pioneiras e rendibles.

Cal foi o logro máis importante do GDR Salnés-Ulla Umia nestes últimos anos?

Creo que constituirnos como unha ferramenta de axuda para toda aquela xente que ten unha idea e quere promocionala. Ver a satisfacción dos promotores nese proceso no que pasa de ser unha idea nun portafolio ata que abren a porta dunha instalación e din “isto é o que eu tiña pensado”. Todo ese proceso de tutela é apoio é moi reconfortante.

Cantos cartos veñen para esta zona? Serían necesarios máis?

Dicía un profesor meu de Economía que os cartos son un ben escaso, sustituíble e de usos alternativos. Segue sendo escaso. Para este periodo 2026-2028 manexaremos arredor dun millón de euros. Podía ser moitísimo máis, porque abriría moitas máis posibilidades. De feito, hai proxectos que quedan nunha lista de agarda, á espera de novas inxeccións de capital. Estamos nunha tesitura controvertida, porque a futuro temos certa incerteza. Nesta coxuntura de liortas bélicas, a Unión Europea estima que é necesario destinar parte dos seus ingresos a defensa e iso detrae recursos da política agraria común e do GDR. Agardemos que as cousas vaian encarrilándose e que non haxa un menoscabo moi importante.

Que mensaxe enviaría a aquela xente que estea pens?

Que non desaproveiten calquera oportunidade de contactar con nós. Nesta última convocatoria aínda temos ata o 6 de abril para que, se algún ten algún proxecto medianamente desenvolvido, se achegue. Estudiarémolo e esperamos que sexamos quen de ser esa ferramenta para convertir en realidade ese soño que todo emprendedor ten.