Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
O Salnés

Mila Piñeiro | “Palillar é tan relaxante que me teñen dado as dúas da mañá sen mirar o reloxo”

“As Iluminadas de Xil” son unha ducia de persoas, entre as cales xa se conta un home, que palillan cada mércores no pavillón desta parroquia meañesa coa súa profesora, Dora Piñeiro

Mila Piñeiro comezou a palillar hai máis de 30 anos. Situacións familiares e laborais levárona a deixalo polo momento, pero segue colaborando coas “Iluminadas” da Agrupación de Xil, da que hoxe nos fala. 

Quen lle aprendeu a palillar?

Miña irmá, Dora, que é a profesora da agrupación de Xil e doutras asociacións en Cambados, O Grove e Vilagarcía.

Cantas palilleiras son en Xil?

Son 12, pero facemos un evento de 600 persoas.

Cóntenos dese evento.

É o Encontro de Palilleiras, do que este ano celebramos a cuarta edición. É a nivel nacional. Veñen de Miranda de Ebro, Soria, Zamora, Valladolid... e toda Galicia. Temos un grupo pendiente de Almería, pero con este accidente (de tren), non sabemos se virán. Será o 12 de abril, no pavillón de Xil, en Meaño.

Que se fai nese encontro?

Comparten os seus traballos. Fan calceta, bordado, frivolité (técnica de encaixe), bolillos e distintos puntos deles...

E pódese entrar a mirar como o fan, non?

Si. Pode entrar todo o mundo, non se paga nada. E as palilleiras comparten como fan as cousas con outras. Por exemplo as de Valladolid amosan a súa maneira de traballar ás de aquí.

Apréndense cousas novas aínda despois de 30 anos palillando?

Si, si. Porque a parte, a profesora vai a cursos a Valladolid, entón sempre están con ideas e cousas novas.

Que é o máis difícil de palillar?

Eu penso que non é difícil. A parte é moi relaxante. É como se te contaxiara. Eu cando palillaba dábanme as dúas e tres da mañá e non miraba o reloxo.

Pódese aprender a calquera idade?

Si. De feito, hai unha señora que vén desde Boiro que ten 98 anos e aí a está.

E únese xente nova a palillar?

Si. Hai rapaces pequenos e cada día tamén hai máis homes. Nós temos un chico na agrupación.

Que tipo de traballos se fan palillando?

De todo. Pendientes, pulseiras, colgantes, puntillas, roupa, abanicos, flores...

E con todos eses traballos que fan? Véndenos?

A que queira vender pode vender, se é artesá, claro está. Se non, regálalos ou son para ti.

Recorda algún traballo especialmente complicado que fixera?

Un abanico. Foi o que máis me custou. E despois o de meter os abalorios nos colgantes... hai xente que lle custa.

En Xil cando son as clases?

Os mércores, de 21:00 a 23:00.

Pero hai distintos niveis, non?

Non. Van todas xuntas. Ir a bolillos é ir a desconectar e a tomar un café. Unha trae un biscoito, outra unhas galletas... E as compañeiras axúdanse. Se unha non sabe a profesora dille “mira por ela, que eu espero”. Chámanse “As Iluminadas de Xil” e teñen moi bo rollo entre elas.

Que materiais son necesarios para empezar a palillar?

Un mundillo ou almohadilla, alfileres, un patrón, os bolillos e fío.

As clases canto custan?

Entorno a 20 euros ó mes.

Comentoume que vostede deixou de palillar. Bótao en falta?

Si!

Entón ten idea de retomar...

O día que me xubile ó mellor si, pero de momento non pode ser.

Cantos puntos diferentes hai?

Moitísimos. Agora hai puntos novos que eu non din. Iso vai indo a máis. Antes era máis básico e só se facía fío branco e beige. Agora meten moito fío metalizado, de cores... e cambian as cousas.

Nota que agora se lle está a dar máis valor a estas cousas feitas á man?

Si. Eu son moi partidaria da artesanía e para nada está pagada. Pero animo a todo o mundo a que faga algo así, porque os bolillos ata son bos para problemas de mans e de brazos.

Cantas horas se pode botar para facer, por exemplo, uns pendientes?

Depende, pero eu cando palillaba podíame levar catro horas seguidas.

E se te equivocas?

Tes que desfacer e volver para atrás. Pasoume moitas veces. E se me poño hoxe voume equivocar outra vez (ri).

É recomendable comezar co curso ou en calquera momento?

Suelen comezar en outubro, pero se falas con elas creo que non ha problema. O que animamos á xente é a vir ó Encontro de Palilleiras, porque é moi interesante e está moi valorado, polo traballo que leva a decoración que fan, no que eu lles axudo tamén. O ano pasado fíxose unha decoración espectacular que o concello de Meaño pediu que se lle deixara para outros eventos. E este ano é, de novo, espectacular. Empezaron a preparala en outubro. Temos que dar as gracias ó Concello de Meaño, ó comercio local, a Hablamos Inmobiliaria e á Asociación de Veciños de Xil, que son os que están aí axudándonos. Porque nós somos agrupación e non hai subvención de ningún tipo. Nós, a cada palilleira que vén, dámoslle un almorzo, un refrixerio pola mañá e pola tarde. Ademais, a cada participante dámoslle un regalo, a cada profesora, outro, e leva agasallo a persoa máis maior, o grupo de máis lonxe e o neno máis pequeno. É moito gasto. Temos tamén moitos regalos que nos donan para sortear. De feito, os cartos que sacamos son desas rifas. E, ademais, hai 12 postos de venta. Eu animo ás palilleiras a que se anoten.

Algún consello para alguén que estea pensando en comezar palillar?

Que empece, que vai saber. E vai facer cousas espectaculares e despois de facer a primeira vai querer seguir.