María Jesús Martínez | “Non nos queda un día libre. Temos actividades toda a semana”
No 2025 cumpriron 25 anos de vida e pódese dicir que gozan de boa saúde, xa que manteñen o número de socias entorno ás 80
María Jesús Martínez leva dúas décadas como presidenta das Mulleres Rurais “Os Pazos”, de Meis. Hoxe fálanos de todo o que fan e do que agardan do futuro.
Acaban de cumprir 25 anos de vida. Como o celebraron?
Fixémolos en febreiro, pero non organizamos nada especial, porque se nos pasou un pouco que cumpriamos os 25 anos. Este ano, como novidade, fixemos o primeiro magosto e resultou bastante ben.
E que balance fai dos 20 anos que leva vostede de presidenta?
Positivo. Andamos sempre sobre as 80 socias. Ás veces hai quen se dá de baixa por algunha circunstancia, pero sempre hai xente nova.
Que evolución nota das mulleres rurais en todo este tempo?
Cando empezamos eu era das pouquiñas novas, porque sobre todo era xente maior. Agora xa hai xente máis nova e imos progresando adecuadamente. O que é moi demandado agora é a informática. Sempre empezabamos con cursos de manualidades ou labores e agora imos máis a zumba ou a full body, co que empezamos este ano e foi un furor. Facemos viaxes, ceas... un pouquiño de todo.
Deses primeiros anos na asociación, que recorda?
Había moita diferencia. Non había nada. Facíase un simple curso, non había nin unha cea... Pero despois collemos o rimo rápido.
En Meis hai varias asociacións de mulleres rurais. Colaboran entre vostedes?
No concello creo que hai sete e si que colaboramos algunha vez. Axudamos tamén moito na Festa dos Callos de Meis.
Este ano por que decidiron lanzarse a organizar o magosto?
Había unha pequena subvención para axudarnos e decidimos facelo. Invitamos a todas as asociacións do concello, que nos acompañaron. Tiñámoslle moito medo, porque era a novidade, nunca fixeramos o chocolate, nin asaramos as castañas. Tamén tivemos a axuda dos maridos e saiunos moi ben.
Para repetir o ano que vén?
Se Deus quere, si. Agora xa temos a experiencia.
Levoulles moito organizalo?
Non, poucos días. O día da festa si que traballamos. Fomos para alí ás 10 da mañá, tivemos que partir as castañas, que nos deu moito traballo, facer o lume, asar... Pero resultou. E iso que o tempo non nos acompañou moito, pero tiñamos unha carpa que nos pagou a comunidade de montes e temos un campo moi bonito, o campo de A Boca, onde se fai a festa de San Gregorio. Repartimos uns 80 quilos e uns 25 litros de chocolate.
Noutras asociacións láianse de que as mulleres novas non se achegan. Non é o voso caso, non?
Non. Eu creo que iso pasa porque a mocidade está noutras cousas, en saír doutra maneira... E non saben tampouco como funciona. Unha vez que se achegan ven que non somos tan maiores. Pero hai que ir probando.
Que actividades fan?
Empezamos a partir das 20:00, porque antes moita xente traballa. Agora mesmo temos actividades todos os días da semana. Luns e venres temos full body. Martes e xoves, pilates, e mércores, labores. Así que non nos queda un día libre. É no local social en Vilanoviña, ó lado do campo de A Boca.
O full body en que consiste?
Fas algo de zumba, algo de ximnasia, algo de pilates e moito de baile, que é o que nos gusta a nós. Ata agora faciamos zumba, pero no Entroido disfrazámonos e fomos a un festival a Xeve. Alí atopamos unha profe que lle vimos moito estilo. Falamos, veu facernos unha demostración e gustounos moito. Cando é a festa de San Gregorio facemos unha exhibición. Antes faciámola de zumba e agora farémola de full body. Estamos moi contentas e somos un grupo de 35.
Que cre que lle aporta á sociedade unha asociación como a súa?
Unha maneira de socializar. Hai mulleres que ó mellor están na casa ou un pouco agobiadas e saes ata alí, aínda que ó mellor non fagas moito, falas coas veciñas, ves xente, cambias opinións... É unha maneira de distraerse.
E vostede que recompensa atopa en estar á fronte?
Gústame ver á xente que estea contenta. Ten moitos sacrificios, pero tamén ten moitas vantaxes. E ver que despois de tantos anos seguimos funcionando. Porque outras o mellor xa non teñen socias e nós, cos nosos altibaixos, estamos a flote.
Cónteme sobre as viaxes.
Hai excursións dun día, coas que xa temos percorrido por aquí case todo arredor. E despois, máis longas. Este ano fomos a Andalucía, ó Peñón de Xibraltar... Temos ido a Francia, a Portugal, a Madrid...

Hai algunha máis planificada xa?
Non. Cando empece o ano veremos o que ofrecen as axencias e miraremos que nos colla algunha ponte polo medio.
Como imaxina que estará a asociación en 10 anos?
Gustaríame que non fose para abaixo e que seguíramos progresando, facendo cousas bonitas, innovando. Teño esperanza de que vai seguir. Ás veces depende das subvencións que van saíndo, porque cos nosos fondos tampouco podemos facer marabillas.
Que cuota teñen?
Pequena, son 20 euros ó ano. Con iso non dá para moito, porque os profes cobran e todo custa.
Algunhas asociacións de mulleres rurais xa aceptan homes. É o seu caso?
De momento, non. Nas viaxes si que aceptamos homes, pero somos asociación de mulleres rurais.
Para anotarse non hai que ser de Meis, verdade?
Non. O 99% somos de Paradela, pero temos xente de Lois, do concello do lado, de Romai... E se alguén quere vir, nós aceptamos a todo o mundo.