Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
O Salnés

Santiago Fontes: “Intentamos quitarlle á música clásica o sibaritismo do século XIX”

Santiago Fontes é o presidente da Asociación Cultural Banda de Cámara Arousa, formación na que toca o clarinete, ademais de compoñer, facer arranxos e, ocasionalmente, dirixir

Santiago Fontes é o presidente da Asociación Cultural Banda de Cámara Arousa, formación na que toca o clarinete, ademais de compoñer, facer arranxos e, ocasionalmente pese a ser “un marrón”, dirixir.

Cal é a diferencia entre unha banda de cámara e unha banda normal?

A banda de cámara ten a peculiaridade de que está entre un grupo de cámara e unha banda normal. É un grupo de cámara cos instrumentos propios dunha banda de música e isto é a nosa novidade, porque nesta zona é a única e en Galicia, que teñamos constancia, tamén. É unha plantilla moi versátil porque podes adaptarte a repertorio de banda, de orquestra, de grupo de cámara...

Formárona no 2019. Como foi?

Pois como saen as grandes ideas: con amigos tomando algo e dicindo “molaba facer isto”. Tamén había un baleiro, porque para algúns proxectos unha banda faise moi densa e para outros un piano só ou un grupo de cámara faise escaso. Falando con coros, agrupacións de teatro... pensabamos que o ideal era un grupiño de 8 ou 10 persoas.

Cantos son, logo?

Na directiva somos catro, pero despois, en función do proxecto que teñamos que afrontar, basculamos: 8.. 10...12... Imos facéndolle o traxe á medida do proxecto para que sexa o máis eficiente posible.

E que instrumentos hai na banda de cámara?

Normalmente somos: unha flauta, dous clarinetes, saxofón, oboe, corno inglés, fagot, trompeta, trompa, bombardino, trombón e tuba.

Que repertorio é o que tocan normalmente?

Polo xeral música clásica, porque é do que vimos todos máis ou menos. Pero tamén notabamos que no mundo das bandas había certo repertorio que non se incluía, caso de Beethoven, Liszt... E por que? Non sei, aínda non temos resposta. Pero intentamos metelo porque son obras que forman parte do museo musical histórico mundial. E incluímolo, co choio que conleva de facer os arranxos. Despois, tamén tocamos en función do que nos vaia chegando. Se é zarzuela, zarzuela. Ou se é música sacra, tamén.

Que tal acollida ten entre o público? Porque ás veces parece difícil que a xente se achegue a este tipo de música.

Esa tamén é a loita que temos, pero é ó revés. Vilagarcía é un pobo moi aberto á zarzuela, á música clásica... Está o Clas-Clas... cando vén a Sinfónica énchese o auditorio... Hai moito respaldo e moi bo gusto por ese tipo de música. Intentamos quitarlle todo o “sibaritismo” que tradicionalmente temos na cabeza do músico vestido de smoking do século XIX. De feito, no último concerto fomos vestidos de paisano, coma quen vai á voda dun primo segundo. Somos humanos, xente que facemos música. Hai que romper ese muro entre o escenario e o público de “nós facemos música, vós non”.

Tampouco hai que saber nada para entendela. Á fin a música ten que emocionar, non?

Si. Ti se vas a un restaurante e a comida está ben feita, dáche igual a receita. Se o cocido está bo, o porco era bo. E isto é igual.

Canto tempo lles leva preparar un repertorio?

Un repertorio de unha hora ou hora e media lévame un mes adaptalo. E para os ensaios, cando fago os arranxos busco facer todo o que se poida no papel, de xeito que o músico, cando chegue, teña o maior choio feito. Que sexa darlle un par de voltas e xa está. Con tres ou catro ensaios adoitamos telo.

Que concertos teñen proximamente?

Non se pode contar, é confidencial. Son proxectos con terceiras persoas e igual meto a pata (ri), pero para 2026 si que temos un par de cousas en Vilagarcía. Facemos cousas cando podemos e nos apetece, porque temos todos as nosas vidas. Non o facemos a correr, senón por desfrutar.

De que desfruta máis: tocar, compoñer, dirixir?

Dirixir non. É un marrón. Primeiro, porque non é a miña formación. Tamén, sempre buscamos músicos do noso nivel ou máis, de xeito que sexa fácil dirixilos e practicamente tocan sós. Como dicía Bernstein, saber dirixir é saber non molestar ó músico. Así que se van ben, deixa. O director ten que unificar un pouquiño para que soe todo ordenado. Pero eu onde máis cómodo estou é nos arranxos. De formación son compositor e nos arranxos é onde máis útil me sinto e máis “chicha” lle atopo. Encántame. Fago arranxos para bandas, grupos, orquestras...

Pódese vivir hoxe da música?

Pódese, dando clases, compoñendo, arranxando, tocando... Moitas cousas ata que un día aprobes unha praza ou algo así.

Están valorados os músicos?

En Galicia temos bastante sorte porque temos moitas bandas e hai moita cultura, sobre todo nos últimos 30 anos. Tamén hai dous Conservatorios superiores, que é unha cousa rarísima. Hoxe en día ninguén se alporiza xa porque un fillo lle diga “vou estudiar música”.

Que autores recomendaría para achegarse á música clásica?

Eu teño tres de cabeceira: Beethoven, Richard Strauss e Bach. Calquera dos tres entran sós pola orella. Beethoven é dos grandes iconos porque dá igual que entendas, que non, que sexas pequeno, maior... Está tan ben feito... Tamén, menos coñecido, Gershwin. Pero eu tiraría polos grandes porque é o que está comprobadísimo que funciona e triunfa.