A Illa lanza un SOS para manter vivo o seu Entroido
A entidade promotora convoca unha xuntanza "urxente" o día 19

O popular Entroido de A Illa de Arousa corre perigo en 2026. A Asociación Festas Culturais Dorna lanza un "SOS Entroido da Arousa", solicitando unha ampla participación nunha xuntanza convocada para o venres 19, ás sete da tarde, no salón de Plenos.
"O colectivo Festas Culturais da ACD Dorna, entidade que levamos anos implicadas na organización e dinamización do Entroido da Arousa, lanzamos un chamamento urxente á veciñanza para garantir a continuidade dunha das celebracións máis emblemáticas da nosa vila", indican.
"Co obxectivo de sumar novas mans, ideas e enerxías, convocamos unha xuntanza aberta" para "iniciar os preparativos do Entroido 2026". "Para que esta celebración continúe viva e organizada, é imprescindible contar cun grupo amplo de persoas dispostas a colaborar. Sen compromiso veciñal vai ser difícil sacar adiante tódolos actos que organizamos", advirten.
"Lembramos tamén que esta celebración, tradicionalmente libre e aberta, só pode manter o seu espírito se a cidadanía se implica activamente. Non buscamos un modelo pechado, senón unha construción comunitaria onde cada idea e cada achega sumen. Cantas máis persoas se involucren, máis fiel será o Entroido ao que sempre caracterizou esta terra: diversidade, humor, irreverencia e participación". "Precisamos xente con ideas, ilusión e ganas de traballar".






















