Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
O Grove

Juan Antonio Aguín: “Non se recorda unha Cabalgata de Reis no Grove sen as nosas majorettes”

Nos 90 constituíuse como asociación, centrada na danza e na música, sendo o baile moderno o que máis xente atrae

Juan Antonio Aguín é o presidente de Cantodorxo, á que leva vencellado dende os seus inicios. O colectivo é xa unha gran familia para os máis de cen membros que a conforman e que teñen entre 3 e 60 anos. 

Cantodorxo é un lugar, non si?

Si. Cando buscabamos nome para a asociación queriamos que fora algo do Grove, e Cantodorxo é unha punta que tiña uns xacementos arqueolóxicos da época dos celtas e que está na cara norte do concello, no barrio de Rons. Ademais tiña ese “x” galego e gustounos.

Pero as orixes da asociación veñen de moi atrás...

Si. Tivemos moita sorte, porque as bases da asociación veñen do ano 77, dunha monxa que estaba no colexio do Grove, sor Clara, que era sevillana. Daba clases de baile moderno e tradicional, que as impartía Dionisio Aboal, dos Alegres de Pontevedra. No ano 91 morreu sor Clara e unha das alumnas aventaxadas, que foi máis tarde miña cuñada, quedou coas clases. Anos máis tarde, a miña moza dixo que querían facer un grupo de baile tradicional mixto e así fixemos a asociación. E levo dende aquela de presidente, porque non hai quen queira collelo.

Anímanse logo os homes a meterse nisto do baile?

Nas cidades grandes non teñen problema, pero na asociación ó principio eramos 15 e foron quedando atrás. Agora somos catro. Os cativos non se animan. Temos algún rapaz, pero non chegan a maiores, van por outros camiños como o fútbol, como o meu fillo.

Canta xente forma Cantodorxo?

Na escola de baile andamos en oitenta e largos. Despois está o grupo dos maiores, a escola de gaita e percusión, a de pandeireta e o grupo de pandeireta. Andamos sobre os 100.

E que idades hai?

Desde os 3 anos. E a persoa máis maior que hai ten uns 60.

O que máis chama a atención é o grupo de majorettes. Son as únicas de Galicia, non?

Fomos un par de veces á TVG e dixéranos a redactora que estivera investigando e que non sabía de ningunha máis. Entón, de momento, creo que somos os únicos que as temos. O das majorettes xa vén de sor Clara, nós soamente o continuamos. O que pasa é que un grupo de majorettes como Deus manda necesita unha banda e ensaiar con ela. E no Grove non a hai. Entón, cando faciamos desprazamentos tiñamos que levar un coche cunha música, que despois non coincidía cos pasos das majorettes... era un pouco complicado. Agora cinguímonos á festa do Carme e ó Nadal. A Cabalgata de Reis si que non a perdemos. Non se recorda unha na que non foran diante as majorettes de Cantodorxo. E agora incorporámoslle dous grupos de mini-majorettes, desde os 7 anos, para facer o relevo.

De todas as cousas que fan, cal é a que máis xente atrae?

O baile moderno. Ás rapazas desde pequeniñas lles gusta bailar. Procuramos que o baile tradicional non se perda, e das 80 da escola que están no baile moderno, 60 están tamén en baile tradicional.

Onde actúan?

As de baile moderno nos festivais, que facemos dous ó ano, un no Nadal e outro en xuño, que este ano fixemos a 91ª edición. Só paramos na pandemia. Despois tamén colaboramos con galas, por exemplo hai pouco coa de Por Elas, da AECC. Despois, cos de tradicional, a temporada comeza nas Letras Galegas e xa seguimos con festas patronais, do Carme, de San Martiño, na Festa do Marisco... E nos hoteis da Toxa un ano fixemos 60 actuacións.

Levando tanto tempo funcionando, supoño que xa haberá fillas e netas de mulleres que comezaron hai anos...

Si. Cando empezamos coa asociación, no 94, eu estaba solteiro. Agora miña muller é a profesora de pandeireta e de baile tamén, coa irmán. Miña filla axúdalle, meu fillo bailou e tocou... De feito, no grupo das maiores de baile, as fillas bailan tamén na escola. Algunha podería ter a neta, incluso.

Que cre que aportou Cantodorxo á vida cultural do Grove?

Moitísimo. É que son 30 anos... Nunca baixamos de 80 alumnos, temos tido 120... Imaxina a xente do Grove que pasou polo baile. E o baile tradicional non é que sexa tradición no Grove. Nós enchemos ese oco. De pandeireta nunca houbera un grupo tampouco e nós fomos os primeiros en facelo. Agora hai unhas 25 alumnas na escola. Ademais, colaboramos con todo o que nos chaman e tamén fixemos durante catro anos unhas xornadas de música tradicional cun concurso de mozos gaiteiros solistas... Todo iso axuda moito.

Polo 30 aniversario que fixeron?

En novembro do ano pasado fixemos unha gala na que houbo tres bloques de actuacións. Quen quixera dos que pasara pola asociación podía vir e unirse. Por exemplo en baile moderno fíxose o de Chiquitita, de Abba, que se repetiu innumerables veces dende a época de sor Clara. Entón, non hai quen pasara pola asociación que non fixera o baile. Enchemos o auditorio. Tivemos que poñer butacas porque non collía a xente.

Hai algún proxecto novo en mente?

Polo momento non. As xornadas de música tradicional deixámolas por falta de financiación e este ano o festival de baile tradicional non o podemos facer, por un problema que houbo. Esperámolo retomar para o ano. Tampouco nos gusta meternos onde non nos chaman. O noso é o baile e a música, porque nos teñen chamado para facer teatro, pero nós non facemos teatro. Espero que duremos polo menos outros 30 anos, pero non me toca a min! Hai que buscar relevo.