Vanesa Tubío:“Coa estimulación freamos no tempo o deterioro dos enfermos de alzhéimer”
Coordinadora dos Servicios de Estimulación Terapéutica da área do Barbanza e do Centro Público Alzhéimer, de Ribeira

Vanesa Tubío é Coordinadora dos Servicios de Estimulación Terapéutica da área do Barbanza e do Centro Público Alzhéimer, de Ribeira. Hoxe fala con nós de Agadea e do seu día a día con enfermos e familias.
En que consiste o seu traballo?
Eu estou nesa primeira liña de entrevistas coas familias en canto chegan á nosa entidade, xunto co psicólogo. Preguntamos pola parte social do seu familiar para recoller datos importantes en relación á vida da persoa que vén ó noso servicio e para que os técnicos de atención directa adapten as actividades ós seus intereses e gustos. A maiores, coordino o Centro de Día Público Específico de Alzhéimer e outras patoloxías neurodexenerativas, que está ubicado en Ribeira.
Como se diferencia a vida dunha persoa con alzhéimer que acode ó seu centro doutra que non?
Atreveríame a dicir que é 100 % diferente. Conseguimos que o deterioro que presenta se free no tempo. Nunha persoa que acoda a un servicio de estimulación, conséguese frear exponencialmente o deterioro. Isto é moi significativo, porque hai quen permanecen con nós quizáis ata 10 anos. Evitamos a institucionalización, é dicir, esta persoa permanece o máximo tempo posible e con boa calidade de vida no seu domicilio. Nas que non reciben esa estimulación, o deterioro avanza a pasos axigantados.
Que actividades fan cos enfermos para estimulalos?
Todos os nosos servicios seguen un patrón, porque está comprobado que as rutinas reportan beneficios ás persoas que padecen algún tipo de demencia. Eles arrincan a xornada cunha orientación á realidade, compartindo, analizando e charlando sobre as noticias máis importantes do seu día. Fan unha lectura de prensa para comentar temas de relevancia na sociedade e logo fan unha terapia grupal, que pode ser de compoñente físico ou cognitivo, como planifiquen os técnicos. Fan un pouco de xerontoximnasia e despois arrincan co traballo individual adaptado ás súas capacidades e nivel de deterioro. Traballan cálculo, linguaxe, memoria recente ou ortografía, segundo eses gustos.
Canta xente atenden?
Agadea, aparte da área do Barbanza, atende persoas da área de Pontevedra Norte e tamén núcleo urbano e rural de Santiago. No ano 2024 atendemos arredor de 1.800 persoas. Calcúlase que este ano a cifra incrementarase porque están a chegar máis casos de deterioro máis leve e tamén de persoas a idades máis temperás.
Xa nos dixo que se pode ralentizar, pero, pódese previr o alzhéimer?
Hai algo que a naturaleza ten marcado e non podemos evitar, pero si podemos poñer estratexias para que, se aparece, teñamos unha reserva cognitiva máis alta, co cal a perda de capacidades sexa menor. Para iso recoméndase ter hábitos saudables, actividade física, recibir estimulación participando en talleres de memoria, clubes de lectura... Todo isto contribúe a que a nosa reserva cognitiva estea presente e que o deterioro non afecte de igual modo.
É difícil que familias e enfermos vexan que hai vida despois do diagnóstico?
Nun primeiro momento costa un pouco, porque moitas veces dan un diagnóstico e non din onde acudir, aínda que cada vez hai máis colaboración por parte dos neurólogos e xa prescriben acudir a servicios de estimulación. Nós temos un servicio gratuíto que é a escola de familias, onde están guiados por psicólogos e traballan estratexias de como afrontar este primeiro diagnóstico. Tamén temos coidadores expertos, porque as persoas empatizan máis con aquelas que xa viviron unha situación semellante.
É bo insistirlle a un enfermo en que recorde alguén ou algo?
Estaslle xerando unha confrontación a esa persoa, porque estás evidenciando que lle pasa algo. En vez de facerlle ese tipo de preguntas tan abertas como “quen é esta persoa?”, é mellor dicir: “recordas a Maruja?”. Axudarlle un pouquiño. Aí o seu cerebro xa conecta e non fai que apareza este sentimento de frustración.
Cónteme do premio Simbad.
Xustamente vimos de celebrar a semana pasada a entrega do premio Simbad, que este ano foi para Rita Doallo coa súa historia Astralistoria. Ese libro non só queda nun premio, senón que viaxa a través dos coles e das voces dos nosos maiores, sensibilizando ós nenos con esta enfermidade e coa importancia de acompañar.
A que primeiros síntomas da enfermidade debemos estar atentos?
Cando nos desorientamos en espacios que son comúns para nós. Cando empezamos a gardar elementos que non se corresponden, como uns calcetíns cos cubertos. Cando se che deu moi ben facer de comer e de pronto empeza a haber fallos na comida, ou cando aparecen dificultades a nivel de comunicación.
Que mito sobre o alzhéimer lle gustaría derrubar?
Que envellecer non ten que levar implícito sufrir alzhéimer. Hai persoas con 90 anos que teñen unha memoria incrible e outras con 60 que teñen un diagnóstico de alzhéimer.
Supoño que é difícil traballar preto desta enfermidade tan dura.
Si. Pero o máis importante é ver como desde que acceden ó recurso ata pasado un tempo, fan comentarios como “puiden vir antes”. Tamén hai persoas que o día que non veñen supón unha loita para as familias porque non conseguen que se levanten da cama ou se vistan... Pero o día que teñen que vir, xa están listas sen dicirlles nada. Ese feedback tan positivo enriquece moito e fai olvidar un pouquiño a etapa inicial do diagnóstico.