Carlos Ces | “Dende xaneiro hai xente que pregunta cando son as festas, para pedir as vacacións e vir”
Carlos Ces é o presidente de A Moreniña, asociación na que se integra a comisión de festas que organiza, xunto co Concello de Rianxo, as festas da Guadalupe
Carlos Ces é o presidente de A Moreniña, asociación na que se integra a comisión de festas que organiza, xunto co Concello de Rianxo, as festas da Guadalupe.
Aínda van porta a porta dos veciños a pedir para as festas. Que tal responde a xente?
Hai de todo. Cada vez custa máis. Antes case era unha obriga como veciño o colaborar coas festas. Agora hai xente nova ou que veu de fóra, que lle custa entrar nesta dinámica. Pero se non é coa achega directa teñen outras formas de colaborar coa festa.
Como vai a deste ano?
Na liña de sempre. Imos sacar agora novo merchandising, recordos para mercar, vestir... E está todo máis ou menos encarrilado e contratado. Hoxe en día as orquestras case as tes que reservar cun ano de antelación.
Podemos dicir algunhas xa?
Hai xente que nos pregunta por que non traemos mellores orquestras. Para nós son das mellores, o que pasa é que non son das máis caras. Moita xente nos apoia na liña de traer orquestras que non son as típicas dunha verbena. Apostamos pola Asia, América de Vigo ou a banda Gaudí. Este ano vai estar La última legión, Arizona... Que fan unha música máis variada. Temos tamén verbeneiras como a Charleston Big Band, a Cinema ou a Gran Parada, que é a da casa.
Ademais da verbena, que outros atractivos hai?
Apostamos por unha programación cultural moi grande. As festas populares teñen que ser un espazo de cultura e encontro para os veciños de todas as idades. Temos desde algo tan típico e demandado como as bandas de música populares como un programa de actividades para as familias e os máis pequenos, que tamén contempla cultura urbana para mozos e mozas. Por exemplo, o Ceiba Rimas, unha exhibición de freestyle en galego. Todas estas actividades fanse na rúa. Temos un día adicado ó circo, outro ós oficios tradicionais, varios días para baile e música galegos, obradoiros con xogos populares... Intentamos que todo o mundo poida participar nas actividades de día.
E como vai de masificada a festa da Guadalupe?
A Guadalupe é en setembro, cando xa pasaron todas as grandes festas do verán e comezou o curso escolar e universitario. Pola semana os que estamos alí somos os da casa, aínda que tamén vén xente de fóra. Dá gusto ver o campo cheo e a xente bailando o martes e mércores, que son a priori os días máis frouxos. Despois, o xoves, día do Feirón, e pola noite, é do que máis afluencia ten, así como o sábado e o último venres, que hai moitísima xente de fóra.
Canta xente pasa polas festas?
A Policía suele estimar unhas 15.000 persoas en toda a contorna. Ás veces incluso máis.
A xente que acude por primeira vez, que lles comenta?
Guiámonos do que din nas redes sociais e en programas da televisión, e aí comentan que os que veñen unha vez, repiten. Nós desde xaneiro xa empezamos a recibir mensaxes preguntando en que datas é a festa, para pedir as vacacións.
Cantas persoas están implicadas na organización?
Somos pouquiños, 10 persoas. Estamos facendo unha chamada a que se anime a xente a vir a botar unha man, porque fai falta. Eu son presidente dende 2022, pero levo dende 2003 na asociación e teño as miñas formas de facer as cousas, pero a xente nova pode vir con novas ideas.
Fóra da Guadalupe tamén organizan cousas.
No Samaín, a parte dunha festa con espectáculo pirotécnico, facemos unha casa do terror e temos colas quilométricas para vila ver. No Entroido fixemos un cocido popular e funcionou bastante ben. Tamén facemos unha actividade no Rianxo Gaming, que é un evento de videoxogos no verán. E este inverno fixemos concertos nos locais, que lles chamamos Cacharelas e que repetiremos para o ano.
Recibiron hai pouco un premio.
Si. A TVG fixo o programa A Superfesta de Galicia e gañamos no 2025, pero para nós tamén somos a mellor festa no 2026 e nos seguintes anos.
A Guadalupe ten Interese Turístico de Galicia, pero hai algo que é coñecido universalmente: a Rianxeira.
Temos feito viaxes de intercambio con sitios que tamén teñen virxes da Guadalupe como Cáceres, Sevilla, Hondarribia... e en todas partes coñecen a canción. Dá gusto. É unha canción bastante máis coñecida fóra de Galicia que o propio himno galego. Nós intentamos espallala e facerlle esa pequena homenaxe que temos o última día de festa, o das bengalas, cando todos, coas orquestras, a cantamos xuntos ás dúas da mañá.
As outras Guadalupes son semellantes á de aquí?
Hai dous arquetipos: as que se parecen á de Cáceres, que é a orixinal, figura gótica do século XII ou XIII, que é negra e está vestida cun manto. Todas as que teñen esta forma triangular co manto e que son negras, son feitas a imaxe e semellanza da de Cáceres. Pero hainas máis tradicionais, de pé e non sempre morenas, como en Braga.
Que é o máis complexo de organizar e o máis reconfortante?
O máis complicado é esperar. Por papeis, orzamentos, reunións, permisos, que que chegue a festa, que chegue xullo e pedir polas casas para ver se os cartos chegan, as subvencións... E o reconfortante é ver que funciona, que aquilo se enche de xente e os comentarios nas redes sociais. Hainos bos e malos, porque uns dinche “bota bombas” e outros dinche “non as botes”. Eu entendo ambos, pero as dúas cousas non se poden facer. Nós eliminamos todas agás o domingo e o último día.
Vostedes desfrutan das festas?
Si. Teño uns compañeiros marabillosos, animan a que a cousa saia ben e tiran de min para arriba. Doulles as gracias.
