Sergio Suárez | “Se por min fora tería dez ou doce motos. A afección venme de familia”
Un grupo de amigos, falando nun bar, decidiron organizar unha quedada moteira en Boiro
Sergio Suárez é o presidente de Boiromotos, un clube de afeccionados a estes vehículos, formado agora mesmo por tres membros de directiva e preto dunha trintena de colaboradores que participan nos diferentes eventos que organiza o colectivo.
Cóntenos que eventos se organizan desde Boiromotos.
Facemos ceas, roteiros, excursións...
Algunha recentemente?
Unha a Portugal dunhas catro ou cinco horas de ida e outras tantas de volta, todo por carreteiras nacionais. Paramos a comer e á xente gustoulle.
Que se fai neses roteiros?
Imos parando, coñecendo distintos pobos e descansando, porque son moitas horas. Tamén vas coñecendo, sobre todo xente, que ó mellor vías en moto polo pobo, pero non sabías quen era. Ó facer ó roteiro xúntaste con todos e vas facendo máis piña.
Tamén falarán de motos...
Si, iso é moi común. Sobre todo con motos similares míraslle o escape, as rodas, as llantas que teñen...
Canta xente se pode xuntar dunha soa vez? Teñen que ir todos xuntos?
Unhas dez ou vinte motos. Normalmente si, inténtase ir o máis preto posible para non perderse, pero é complicado coas motos entre os coches e o tráfico... Sempre buscamos carreteiras nacionais ou secundarias para non ir moi apelotonados.
Notan que os respectan o resto de condutores?
Sempre hai algún despistado, pero en xeral, si.
A vostede dende cando lle vén este gusto polas motos?
Eu xa andaba en motos de trial e sigo andando, xa hai 18 anos. E na familia, meu pai e meus tíos tiñan motos, de monte e máis de carretera.
Cal foi a primeira que tivo?
Con 15 anos a de trial e despois, con 24, a de carretera, unha Suzuki.
E ten pensado ter máis?
Si, ho! Por querer, tería dez ou doce. Agora mesmo gustaríame unha BMW de carretera, deportiva. Se tes cabeza, teñen máis potencia, e tamén por estética.
Na casa non lle din que teña coidado coa moto?
Todos os días. Pero nunca tiven ningún problema. Algún susto dalgún coche ou can que che sae, pero ningún golpe.
E no clube, algún susto?
Algún compañeiro tivo algunha caída, pero nada de gravidade.
Que é o que máis lles gusta de ir nos roteiros?
O compañeirismo e a xente que coñeces, a amizade que se crea.
Supoño que para entrar no clube hai que ter unha moto...
Hai de todo. Hai quen non ten moto e axuda a organizar.
E se tes moto, vale calquera, ata unha Vespa?
Si, de feito hai rapaces de 15 anos con motos de 49cc, que tamén participan.
Que consello lle daría a alguén que se queira iniciar nas motos?
Se é a primeira moto, que non sexa de alta cilindrada. Que sexa cómoda e manexable para aprender a tumbar e moverse con axilidade. Despois, xa collerán outra con máis peso, porque canto máis lixeira, máis fácil de controlar.
Creo que teñen un evento pronto. Cóntenos sobre el.
A concentración moteira que faremos o 24, 25 e 26 de xullo no parque da Cachada. Haberá festa con DJ´s pola noite, polas tardes exhibicións, inchables para os nenos, exhibicións de radiocontrol... un pouco variado para que todo o mundo teña algo que lle guste.
Hai máis homes que mulleres no clube, ou por igual?
Nas motos en xeral suele haber máis homes, pero é verdade que cada vez hai máis mulleres e agrada velo, porque realmente é unha tontería que non as haxa.
Cal é a próxima ruta?
O 13 de xuño, seguramente pola costa ou parte norte de Galicia, para visitar algún faro.
E a moto, préstase?
Non gusta. Se é alguén de confianza, igual un pouco.
De paquete tampouco lle gustará ir, supoño.
Non, non! Eu non vou cómodo.
