Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Confraría da Dorna de Ribeira

Álex Nespereira | “Para os de Ribeira, Fin de Ano é o 24 de xullo cando remata a Festa da Dorna”

A primeira Festa da Dorna tivo lugar no 1948. Naceu por unha broma, cando uns amigos venderan unhas rifas para o sorteo dunha dorna e un deles dixo que lle tocara, sendo mentira.

Álex Nespereira leva como presidente da Cofradía da Dorna dende o pasado decembro, pero comezou na súa peña con 8 meses.Afirma que dende que el empezou na Cofradía, hai 13 anos, todo cambiou moito, sobre todo en seguridade e infraestruturas, mellorando cada ano máis.

Este ano o día da festa, o 24 de xullo, non será festivo, por decisión municipal. Como o levan?

Hai 13 anos, cando comecei, con Eduardo Iglesias como presidente, conseguiuse o festivo. Agora que son eu presidente, quedamos sen el. Pero seguiremos loitando por recuperalo. É o festivo que quere o pobo. Se en Ribeira se fixera un referéndum dos festivos, a Dorna sairía vencedora.

Cren que vai afectar en algo á festa que non sexa festivo?

Non sei a nivel da romería se influirá algo, porque é o último día e adoitamos comer coas familias o día de Coroso. Pero, cando era festivo, nunca obrigamos a pechar a ninguén. Neste caso, seguramente moita xente faga o contrario: podería abrir e pechará para ir á romería.

Que significa para vós e para Ribeira a festa da Dorna?

É un sentimento. Para a xente de Ribeira o fin de ano é o día 24 cando acaba a Dorna.

É unha festa con moitísimas actividades. Cónteme algunha delas.

Polo xeral son 6 ou 7 días de festa. Empezamos cunha cerimonia de “inisiasión” por todo o alto, con DJ´s por distintas partes de Ribeira. Despois, temos o voo sen motor, que todo o mundo adoita pensar no Red Bull, pero nós levamos xa 32 anos facéndoo. Temos tamén carrilanas, pero non só van rápido pola costa da Mámoa, senón que van moi adornadas. Parecen do entroido brasileiro. Logo, hai probas como o trinautlón dorneiro, que é de relevos, no cal participan catro persoas: dúas van en kaiak, unha fai paddle surf e outra fai remo. Tamén temos a batalla de “jallos”, que é o noso hip hop dorneiro, o cal ten o seu día principal. E logo temos xogos populares que son de toda a vida, como saltar a corda, peonza, carreira de sacos...

Achégase moita xente de fóra?

Si, é unha festa na que aceptamos a todo o mundo. É formada polos dorneiros e polas peñas, pero vén xente da comarca e pobos de arredor. Nós temos esa enfermidade dorneira de falarlle da Dorna a todo o mundo que coñecemos e atraemos a todo coñecido a Ribeira esa semana de xullo. Hai xente que igual non vén a Ribeira no Nadal, pero na Dorna vén todo o mundo.

Que é o que máis lle chama a atención ós que van de primeiras?

É difícil, porque o bó que ten é que lles inculcas a maneira de vivir a Dorna: saír á noite de parranda, levantarse cedo para facer a infraestrutura da Dorna, porque facémola nós... Todo o mundo colabora. Cando lles preguntas, non saben dicirche que lles gustou máis, porque é como elixir se queres máis a papá ou a mamá. Todo impacta moitísimo e ten a súa esencia.

E esa maneira de vivir a festa incúlcanlla ós nenos dende pequenos, non?

Si. Van nacendo e xa se fan socios, ou incluso algún regaliño dos que lles pós na cesta ós pais xa é unha camiseta da peña. Eu teño a sorte de ter agora moito cativo na miña peña e incúlcolles o sentimento de dorneiros.

Cantos socios haberá en total?

Uns 2.200, pero para a cantidade de xente que ten este sentimento de dorneiro, desgraciadamente somos poucos. Non sei se é por falta de información, por deixadez... Pero gustaríame dicirlle á xente que ser socio é unha parte fundamental de ser dorneiro, xa que toda a festa se fai cos cartos dos socios, á parte da colaboración dos comercios, etc. Paréceme raro, porque moita xente se considera “dorneiro de pro”, e ó mellor non é socio. Son 15 euros ó ano, non é moi significativo.  Hoxe en día hai que vai ó Son do Camiño, Revenidas... Pois a Dorna tamén é un festival, porque temos o Rock&Dorna. Son 7 días, temos 2 ou 3 actuacións por día gratuítas e teñen un nivel aceptable. Pero podería ser mellor cos cartos dos socios. Ademais, veñen de volta, xa que hai descontos oficiais como a sudadera da Dorna, o baile de gala ou a cea benéfica.

Como vai a organización da edición deste ano?

Vai fluída, estou contento. Teño un equipo que coñezo, que leva moito tempo comigo, e á parte de estar moi orgulloso deles, nótome moi respaldado.

O presidente da entidade, durante esta entrevista, na redacción de Diario de Arousa
O presidente da entidade, durante esta entrevista, na redacción de Diario de Arousa
| D. A.

Algunha novidade que poidamos xa anunciar?

A Dorna ten un punto de secretismo, pero podo desvelar que vai ser do 17 ó 24 de xullo e que temos unhas actividades antes da Dorna como por exemplo a paella dorneira e o pasafanequeiras, que é en abril. Tamén temos a cea benéfica para, gracias ós produtos que nos donan, facer un sorteo para manter o fondo social, que son os inicios da festa e é co que axudamos a calquera persoa ou necesidade que haxa na parroquia.

Este ano, sendo presidente, sente máis responsabilidade?

Si. Unha responsabilidade que vin en todos os presidentes que coñecín. Vivido nas miñas carnes, cada carrilana que baixa, ou cada salto sen motor... si que o notas.

Cal é o seu mellor recordo?

O primeiro. Eu fun ás peñas dende que teño 8 meses, pero con 3 anos recordo que miña nai nos dixo que tiñamos que marchar da praia ás 6 da tarde e non entendía por que. Miña nai dixo “é a Dorna e hai que ir ó Cactus (un bar) a adornalo porque é o “enjalanamento de fanequeiras”. É un dos primeiros recordos que teño, recortando unhas estrelas de mar, e é o máis sentimental. Identifiqueime moito cando a nosa veciña e amiga Ana Peleiteiro falou no programa de Calleja da Dorna con tanta intensidade. Penso que esa sensación a teño dende que teño 13 ou 14 anos. Todo o mundo coñece a alguén vencellado á Dorna, así que que aproveiten a ese amigo para vir a Ribeira e desfrutar a Dorna, porque non se van arrepentir.