“Para min é máis importante ser que estar. Con Heredeiros non era o cantante, só cantaba as cancións”
Javi Maneiro retoma a súa carreira en solitario despois de abandonar a mítica banda e, tras lanzar o seu primeiro single, “A miña mellor versión”, prepara unha xira en teatros

Javi Maneiro chega acompañado, como todo artista que se precie. Sorprende porque ten que axudarse dunha muleta para camiñar. “Opereime dos dous meniscos”, responde ante a curiosidade. Tanta brincadeira na xira cos Heredeiros da Crus trouxo consecuencias. Físicas e das outras. Sen bastón pode camiñar, pero na mirada aínda asoma a pena, unha cicatriz que será visible toda a vida. Confórmase cun analxésico para a dor, nada de “trankimasin”, esa etapa xa quedou atrás. Chove e venta, pero pon as gafas de sol para transformarse en estrela do rock. “Sen elas non son ninguén. Lévoas comigo sempre”, confesa. Paciente e profesional posa para a sesión de fotos. “A imaxe é moi importante”, recoñece. Cando remata, garda os lentes na funda e, de novo, aparece o home que revolucionou a música galega co abandono de Heredeiros da Crus, banda da que foi vocalista durante “trinta e pico anos”, con algún que outro parón polo medio. Deixou o grupo, pero non a música para iniciar a súa carreira en solitario. Sacou o seu primeiro single, de título “A miña mellor versión” que, despois de todo o que pasou, ten mensaxe. “Teno para min e para moita xente que ten que agantar un problema que se vai enquistando e chega un momento no que hai que dicir que non, e iso foi o que fixen eu” para deixar Heredeiros. Un sorriso nostálxico dálle pé para continuar. “Esa canción era necesaria. Encerreime na soedade para botar todo fóra, chorei moito e sigo a chorar para sacarme a pena”. A pregunta cae por si soa, que pasou? “A ver, chegou un momento neste último disco que as miñas opinións eran moi distintas ás deles, que ían en piña por outro lado. Entón, sendo cantante dunha banda e tendo tantas diferencias de criterio, creo que o mellor para ambos, e sobre todo para min, era dicir que non”. De repente, para de falar, reflexiona e continúa. “Como en todas as relacións hai cousas bonitas, feas, discusións e aventuras. Iso lévase ben…”, pero Javi, qué pasou entón? “É que eu, con 52 anos, explicáballes que tiña que sentirme identificado coas cancións porque son eu quen ten que trasmitilas á xente e o público nota enseguida cando o cantante non cre nelas”. Nese último disco negouse a cantar unha canción “por primeira vez en 34 anos” e, cal foi, Javi?, “que máis dá, unha na que non canto eu”.Non me sirve. “Vale, é a canción na que canta unha rapaza. Negueime a cantala e ao final saiu o segundo single, así que imaxínate”. E aí foi cando decidiu abandonar Heredeiros da Crus, durante a grabación do disco. “Avisei na oficina en xullo que o deixaba o 31 de outubro, que era a data do noso último concerto”. Á semana seguinte o grupo reuniuse para ensaiar e díxenlle a todos que marchaba. Comuniqueino con tempo para que poideran buscar outro cantante, pero eles decidiron o que decidiron”. No medio quedaron os fans, sorprendidos despois dunha xira apoteósica. “Hai xente que o tomou moi mal, outra que o respecta e moita peña que me anima”. Un aviso para os seguidores de Heredeiros, Maneiro non cantará máis as súas cancións. “Só as miñas que fixen para eles como “Soñei” ou “Corasón de carballo”, que escribín para Jabon Blue e despois de grabala cos Heredeiros botouse un ano e pico sen tocala porque a banda entendía que non era do estilo deles”. Esa decisión “doeume moito”, e por iso, cando a incluíron no repertorio, invitou a Luz Casal a cantala con el no Festival da Luz, nunha xornada inolvidable. “Son un fiel admirador dela e sabía que “Corasón de Carballo” lle ía gustar e así foi”. Como artista en solitario “vou a ser máis feliz” porque “poderei experimentar máis ao non ter un estilo de banda tan marcado”. De momento sacou unha canción, a consabida mellor versión, e en marzo dará a coñecer a segunda “para promocionar a xira de teatros”. O que quere é que “a xente estea sentada e como non se pode mover moito, tratar de gañala a través das emocións e despois ir a máis”. Neste punto prodúcese un paréntese na entrevista. Saca o móbil do peto, rebusca nos archivos, sube o volume e comeza a soar unha guitarra. Foi un off de record, o peor pesadelo para un xornalista que quere contar cousas. Sen temor a desvelar o segredo, pódese dicir que o novo tema é rockeiro e pensado para o directo. Shhh, xa está. Chitón. En marzo, máis. Na xira non haberá atuendos con plumas na cabeza porque “cando marchei de Heredeiros deixei de facer o indio”, unha afirmación que indica a fin dunha etapa e o comezou doutra. Pero como se levan os integrantes de Heredeiros da Crus despois da marcha de Javi Maneiro? “Creo que seremos colegas toda a vida, pero agora estamos en shock porque foi un pau para todos. Seguro que todo isto pasará e volveremos a ser amigos”. Heredeiros da Crus non tivo un concerto de despedida. Esa posibilidade segue aberta nas mentes dos fans, pero Javi Maneiro bota xeo sobre elas. “Non vai suceder. Agora xa non ten sentido. Podía ser antes de acabar o ano, pero despois da conversa que tivemos, onde falamos todo o que había que falar, xa non se dará”. Nesta nova etapa que se abre deixa atrás o seu nome e se presentará artisticamente co apelido. “Javi Maneiro era o cantante de Heredeiros e voume quedar só con Maneiro, en homenaxe á miña nai” e é neste punto no que aflora o rockeiro cargado de soños e de oportunidades que están por vir. “Para min é máis importante ser que estar. Eu sentín que non era o cantante de Heredeiros, senón o que cantaba as cancións”, polo que a partir de agora ides a ver “un Maneiro máis seguro, que cre nel e valente porque se non o fago, arrepentiriame toda a vida”. Por suposto, antes de rematar quere deixar unha mensaxe aos seus seguidores. “Estades invitados aos concertos, menos aos que haxa que pagar”, risas do Javi de toda a vida. Pero con Javi Maneiro non hai final, senón continuidade. “Volve a darlle” (á gravadora) para presentar aos compoñentes da súa banda un por un. Rubén Cores (arreglista e guitarra), Fran Gude (produtor e técnico de sonido), Pachi Cruz, Iria Iglesias e Fernando Calvo, guitarrista do grupo Los Suaves e que “é toda unha honra tocar con el, porque esa banda inspiroume para subirme aos escenarios e ser o que son”.







