Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Boiro

Miryam Vidal | “En Turbina Espacial somos completamente libres, non hai temas tabú”

O colectivo nace no 2021, impulsado pola Concellería de Cultura e formado daquela por uns cinco adolescentes que o primeiro que organizaron foi o Festival Turbina, con rapeiros da localidade

Miryam Vidal é membro do colectivo adolescente Turbina Espacial. Entrou nel sen moita confianza en continuar, pero algo a enganchou. Hoxe cóntanos que foi.

Como entraches en Turbina?

Empecei hai catro anos, no segundo ano de vida de Turbina, que leva cinco. Foi un verán no que, por situacións da vida, estaba un pouco soa. Unha amiga contoume do proxecto e entrei para probar. Non tiña moi claro que fora quedar, pero encantoume.

Por que? Que atopaches alí?

Xente incrible, que me abriu portas a novas oportunidades, que me ensinou e me deixou ensinarlles o que eles non sabían. Crecemos xuntos como persoas. Paréceme un lugar cheo de xente diferente, fóra do común.

Que teñen de especial?

Ser completamente libres. Non hai temas tabú. Cada un é como é, ten o seus ideais e pensamentos, pero alí fálase de todo. Turbina é un lugar seguro e para medrar.

Cantos sodes agora mesmo?

Temos un grupo de WhatsApp e hai polo menos 60 persoas, claro que non participamos todos todos os días. Hai xente que vén menos, outra máis... Que participemos habitualmente somos uns 20 ou 30.

Sodes socios? Tedes unha cuota?

Non. É completamente gratuíto. Algo que Jaime (Bello, animador sociocultural do concello de Boiro)  busca con Turbina é que sexa un espacio para que todos poidamos ter as mesmas oportunidades independentemente da economía que teñamos.

Cóntanos que facedes en Turbina.

Realizamos actividades cara o público, como o Túnel do Terror, que é unha actividade completamente nosa. Este ano, o 31 de outubro, celebramos a quinta edición. Tamén axudamos na gala de benestar solidario, no Nadal, e presentamos os premios benestar social. Outra actividade totalmente nosa é a das Raíñas Magas, na que cada 4 de xaneiro, antes da Cabalgata dos Reis, pasamos as Raíñas Magas por Boiro e concellos de preto para visitar ós rapaces. Hai xente que está máis ou menos dacordo, pero sae bastante ben.

Por que dis o de “máis ou menos dacordo”? Hai oposición?

Si. Co das Raíñas Magas no seu momento tivemos moita controversia porque fosemos mulleres, porque dicían que iamos confundir ós rapaces. Pero os rapaces non se confunden, van contentos a vernos.

Cada canto vos reunides? Como vos organizades?

Temos días de reunión, que son os mércores e xoves de cada semana e, despois, un sábado si, un sábado non. Facémolo na parte de abaixo do Centro Social de Boiro, no Leñaverde. Alí temos o noso espacio, decorado por nós. Incluso temos unha parede coas nosas sinaturas.

En Turbina non hai cargos, non?

Non. Pero estamos mirando de converternos nunha asociación e para iso si que temos que seleccionar presidente, tesoureiro... Máis que nada para papeleo, porque á hora da verdade ninguén está por riba de ninguén.

Membros do colectivo, durante unha xornada de actividades
Membros do colectivo, durante unha xornada de actividades
| Cedida

Nestes catro anos que levas en Turbina, que é o máis importante que aprendiches?

Unha das cousas máis importantes, que deberiamos levar todos de base pero non é así, é non xulgar a primeira vista. Ás veces vexo xente pola rúa moi diferente a min e penso que non encaixaría ben con ela. Turbina demostroume que esa xente ó mellor acaba sendo coa que mellor te levas.

Cantos anos ten a persoa máis nova a e a maior en Turbina?

A máis nova creo que ten 14 anos e a maior, 24.

Mencionaches antes o Túnel do Terror. Que tal a resposta este ano?

Boa, aínda que houbo menos xente, pero consideramos que foi pola choiva. Aínda así, viñeron  máis de 600 persoas.

Canto tempo vos leva organizalo?

No Nadal facemos acampadas, que é outra das actividades que temos. Nelas xa empezamos a falar do túnel e facer chuvia de ideas, aínda que traballamos máis contra o último mes.

Como vai a idea de reactivar Radio Boiro?

Queremos facelo e estamos adaptando un sitio no Centro Social de Boiro para facer a nosa radio. Hai xente que xa ten grupos con ideas para programas e esperamos facelo pronto.

Ademais, participades no Maio Vintage...

Si, é un mercadillo no que participamos co noso propio posto, vendendo cousas que facemos á man. Por exemplo, pratos de polbo ós que lles facemos debuxos... marcos decorativos ou hama beads, que son peciñas pequenas de cores que vas metendo facendo formas.

Que pensades que necesita Boiro?

Falamos sempre de que espacios para rapaces hai moitos, pero para adolescentes non hai tantos. Cando chove non temos tanto sitio onde meternos, así que igual era bo telo.

Dos temas que tratades en Turbina, cal sería o que máis vos preocupa?

Unha das problemáticas que máis nos preocupa, a parte da violencia, é a sexualidade. Que sexa tan tabú e que non se poida falar dela con total liberdade. Obviamente fálase máis que antes, pero non está ben visto de todo. Cremos que falalo con liberdade é o primeiro paso para reducir outros problemas. De feito tiñamos a idea de facer algún taller, na rúa, sentados en círculos, e que a xente puidera vir falar con nóso cada día dun tema diferente.  E o primeiro sería de sexualidade.

Os mozos de hoxe, sentídesvos valorados polos adultos?

En xeral todos sabemos o que é ter roces co mundo adulto. Non nos tratan mal, para nada, pero si que habería que buscar unha maneira de entender que adultez e adolescencia non están tan lonxe.