“Coidando do noso, coidando dos nosos”: o compromiso ambiental de Amicos
O que comezou como unha actividade educativa co alumnado de Amicos converteuse nun dos piares da entidade: a protección da natureza e a acción ambiental inclusiva

Pero hoxe o compromiso co medio ambiente é unha das marcas de identidade máis recoñecibles da entidade. “Entendemos que non pode haber inclusión social sen inclusión ambiental”, explica Xoán España, director xeral de Amicos. “Cando as persoas con discapacidade se implican activamente na defensa da natureza, non só están coidando o planeta, tamén están reivindicando o seu papel como cidadáns responsables e capaces”.
Unha revolución verde e azul
O xiro ambiental de Amicos non foi casual. Chegou a partir de experiencias sinxelas como saídas ao monte, limpezas de praias ou accións cos colexios da zona. Pero o potencial resultou enorme. En 2018, tras unha consulta interna ás persoas que acudían á entidade, esta decidiu dar un paso máis e deseñar unha estratexia ambiental propia: a Misión Verde e a Missión Azul, centradas na protección dos ecosistemas terrestres e mariños e conducidas polas persoas con discapacidade como axentes medioambientais.
A partir de aí, Amicos comezou a buscar o apoio de administracións, entidades e empresas para este obxectivo, ofrecéndolles propostas innovadoras de unir inclusión social e sustentabilidade.Hoxe, esa aposta materialízase nunha vintena de proxectos activos, con máis de 700 persoas implicadas cada ano, entre usuarios, profesionais e voluntarios, así como máis de 3.000 escolares no que vai de 2025.
O proxecto Cabalga, do fondo do mar ás aulas
Un dos proxectos máis representativos de Amicos é CABALGA, coordinado por Amicos e polo Instituto de Ciencias do Mar do CSIC, e financiado pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do programa Pleamar e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
Amicos participa xunto con varias confrarías galegas, catalás e baleares, nun programa de protección e restauración de especies bentónicas, organismos que viven nos fondos mariños, como os corais e as gorgonias.
“É un proxecto apaixonante”, di Andrea Vázquez, bióloga e docente do Dual Natura II. “Non só estamos contribuíndo a recuperar os fondos mariños, senón que as persoas con discapacidade intelectual participan activamente nas tarefas de mostraxe, educación e sensibilización”.
Durante 2023 e 2024, o equipo fixo máis de 40 saídas ao mar, colaborou en campañas de recuperación de hábitats mariños e realizou accións de sensibilización nas que participaron máis de 1.000 estudantes. Asemade, no marco desta iniciativa restauráronse 460 gorgonias, 1600 soportes de laminaria y 1200 unidades de zostera.

As Ecobrigadas: inclusión e biodiversidade
Outro exemplo de como Amicos une sustentabilidade e responsabilidade social son as Ecobrigadas, equipos multidisciplinares especializados nos sectores forestal e de xardinería. Iniciativa coa que se busca xerar oportunidades laborais adaptadas para as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.
Nos últimos meses xestionaron máis de 100 hectáreas de bosque, nas que realizaron labores de reforestación de especies autóctonas, control de biomasa, e preservación e xestión de espazos degradados, como os trinta quilómetros de ribeiras xestionadas no marco de Amiríos.
Accións coas que tamén se busca compensar a pegada de carbono das emisións xeradas pola actividade da entidade, un obxectivo contemplado na iniciativa Amicos C02.
“Os nosos equipos traballan no terreo, aprenden sobre o ciclo da vida das árbores e colaboran coas empresas para xerar un impacto real”, destaca Nuria Calo, responsable da área ambiental de Amicos. “É unha experiencia transformadora tanto para o medio ambiente como para as persoas”.

Educación ambiental e sensibilización
A dimensión educativa é outra das claves da actividade medioambiental de Amicos. A sensibilización da sociedade é outro dos piares dos proxectos da entidade, que conducen os seus propios activistas medioambientais. Durante este 2025, impulsáronse máis de 150 xornadas deste tipo.
As súas actividades van desde obradoiros sobre reciclaxe e biodiversidade, xornadas de xogos educativos, recollidas de residuos mariños, análise de auga, etc.
Inclusión que transforma

O éxito destas iniciativas non se mide só en números e estatísticas, senón tamén en actitudes. Yassin, membro do Fogar Amicos, recoñece que participar nestas actividades lle da unha nova visión: “Antes non pensaba nos residuos que quedaban nas praias e nos ríos, pero agora son consciente de que debemos coidar a nosa contorna e iso mesmo é o que lle ensinamos aos nenos e nenas a través das actividades que conducimos a través de Amicos”.
A filosofía é clara: inclusión real é tamén participación activa na sociedade. O medio ambiente convértese así nun espazo de aprendizaxe, emprego e autoestima. Moitos dos participantes das Ecobrigadas adquiren habilidades que logo lles permiten integrarse en programas laborais vinculados ao sector verde, como limpeza forestal, xardinaría ou mantemento de espazos naturais.
Impacto e recoñecementos
A aposta de Amicos pola sustentabilidade valeulle o recoñecemento de entidades públicas e privadas. En 2025, o Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 recoñeceu á entidade co premio Activistas para o Futuro 2024. Ademais, os seus proxectos foron presentados en encontros nacionais de inclusión e economía circular, como o Congreso Galego de Educación Ambiental e o Encontro de Entidades Azuis organizado polo GALP Ría de Arousa.
As cifras globais falan por si mesmas: Máis de 10.000 persoas sensibilizadas en educación ambiental con 700 persoas implicadas cada ano en accións directas. Hai que incluír tamén os 7.800 quilos de residuos retirados de ríos e praias no que vai de ano, así como as 300 árbores autóctonas plantadas no Bosque Gadis. Ademais, fixeron 40 saídas ao mar en proxectos de restauración mariña.
Un futuro sostible e inclusivo
Mirando cara aos próximos anos, Amicos ten previsto ampliar os seus programas ambientais con novas liñas de investigación aplicada e acción comunitaria.
“Queremos demostrar que as persoas con discapacidade intelectual non son só beneficiarias de políticas ambientais, senón tamén axentes activos do cambio”, conclúe o director xeral.
Amicos, aos seus 25 anos, segue a demostrar que coidar das persoas e coidar do planeta son obxectivos interconectados.




















