Caldas abre a ‘II Carreira de Campións’ á veciñanza e convida a pedalear con Perico Delgado, Pereiro e as lendas do ciclismo
O tenente de alcalde Manuel Fariña anima á xente a participar este sábado na proba percorrendo as tres primeiras voltas do circuíto urbano xunto ás ‘vellas glorias’

Caldas de Reis volverá vivir este sábado unha xornada moi especial arredor do ciclismo coa celebración da ‘II Carreira de Campións’ e o Concello quere que a veciñanza sexa protagonista. Por iso, o tenente de alcalde Manuel Fariña anima a todas as persoas afeccionadas a acudir coa súa propia bicicleta e participar nas tres primeiras voltas ao circuíto urbano xunto ás vellas glorias do ciclismo que se darán cita na vila.
Fariña explica que a proposta pretende converter a Carreira de Campións nunha auténtica xornada de convivencia arredor da bicicleta: “É unha oportunidade para pedalear xuntas, coñecerse, conversar e aproveitar unha experiencia diferente nun ambiente aberto a afeccionados e afeccionadas de todas as idades”.
Entre as figuras que participarán estará Perico Delgado, vencedor do Tour de Francia de 1988, e Óscar Pereiro, gañador da edición de 2006. Xunto a eles tamén estarán referentes do ciclismo galego como Álvaro Pino, vencedor da Volta a España de 1986, así como Samuel Blanco, Álex Márquez, Evaristo Portela e Antonio Vidal ‘Cosme’. As persoas que se sumen á iniciativa poderán completar tres voltas ao circuíto urbano, de aproximadamente 1,3 quilómetros.

“É unha oportunidade excepcional para vivir o ciclismo desde dentro. Non todos os días temos en Caldas a posibilidade de compartir unhas voltas coa bicicleta con deportistas que fixeron historia. Queremos que a xente se anime, colla a súa bicicleta e veña gozar dunha xornada que vai ser moito máis ca unha carreira”, sinala.
Fariña salienta que a presenza das vellas glorias permite establecer un vínculo entre diferentes xeracións de persoas afeccionadas ao ciclismo. “Hai xente que viviu aqueles grandes momentos diante da televisión e que agora poderán pedalear xunto aos seus protagonistas, e tamén nenos e nenas ou persoas que empezaron máis recentemente a afeccionarse á bicicleta. É unha maneira moi bonita de compartir esa paixón e de transmitir o valor do deporte”, explica.
A iniciativa permitirá que a Carreira de Campións sexa unha celebración colectiva e non só un espectáculo para contemplar desde fóra. “Queremos que as rúas se enchan de xente, por suposto, mais tamén de bicicletas e todas e todos os que se animen sintan que esta xornada tamén é súa.”, apunta Fariña.

O responsable municipal de Deportes considera que este tipo de propostas contribúen a consolidar a relación de Caldas co ciclismo e a proxectar a vila como un espazo capaz de acoller actividades deportivas de primeiro nivel. “Para nós é unha satisfacción enorme poder organizar unha actividade que reúne en Caldas a figuras tan importantes da historia do ciclismo e, ao mesmo tempo, abrir a posibilidade de que a veciñanza poida compartir con elas e xerar tamén unha experiencia única”, afirma.












