A V Copa Mörling decídese mañá sábado en Combarro
A dorna ‘Pereka’, gañadora das catro edicións anteriores, lidera por só tres puntos a clasificación a falta da última regata

A Copa Mörling pecha mañá sábado a súa quinta edición coa celebración da Regata da Reiboa, a última das cinco probas previstas nesta edición de 2026 en distintas localidades das Rías Baixas. O campionato galego de dornas a vela chega a Combarro con todo por decidir. A ‘Pereka, da Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa (ACD Dorna) lidera polo de agora a clasificación xeral.
A esta dorna, tripulada por José Antonio Dorado e Alberto Vicente ‘Chica’ e gañadora das catro edicións anteriores, séguena de preto a ‘Jalerna’, dos Dorneiros Regateiros de Cambados con Ricardo e Manuel Dios a bordo; e a ‘Fungona’, da patroa Mariña Alonso e o seu pai, Tino Alonso, igualadas as dúas a puntos na segunda e terceira posición.
A Regata da Reiboa, organizada polo Club Mariño A Reiboa, comezará ás 12:30 horas de mañá sábado 22 de agosto. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, terá lugar, na praza da Chousa, o acto de clausura e entrega de trofeos.
Estarán presentes, ademais de representantes da organización, membros da directiva de Culturmar, encabezados pola súa presidenta, Mónica Leiro Búa. Na clausura intervirán tamén a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana Rey, e o alcalde de Poio, Ángel Moldes Martínez.
O campionato arrancou o 13 de xuño en Portonovo, coa Regata do Sepelo. Unha semana máis tarde, celebrouse en Cambados a Regata do Salnés. O Triángulo do Cantiño, na Illa de Arousa, pechou as probas do mes de xuño. O 4 de xullo, disputouse no Grove a Regata dos Faros.











