
Vinte e cinco dornas comezaron a IX Regata do Salnés, en Cambados, a segunda proba puntuable da Copa Mörling de dornas a vela. Dúas embarcacións da Asociación Cultural Dorna (ACD) da Illa de Arousa, fixéronse cos dous primeiros postos da clasificación.
En primeiro lugar, a ‘Pereka’, tripulada por José Antonio Dorado e Alberto Vicente, que conseguiu completar o percorrido nas augas de Cambados nunha hora e 26 minutos. Apenas un minuto despois chegaba á meta a ‘Nécora’, con Braulio García e Avelino Santamaría ao manexo da dorna.
O terceiro posto foi para a ‘Miserela’, do Clube Mariño Salnés, con Santiago Fernández e Lucía Diz, que chegaron catro minutos e medio despois dos gañadores. A ‘Fungona’, dos Dorneiros Regateiros de Cambados, foi cuarta, e a ‘Jalerna’, tamén da ACD da Illa, finalizou en quinta posición.
Das 25 dornas que se presentaron na liña de saída, conseguiron completar o circuíto 20. Foi unha tarde apacible de vento maino do sur que, xa na segunda volta, rolou a sursuroeste e cunha forza de entre cinco e seis nós.
A Regata do Salnés deixa a disputa do campionato bordo con bordo entre as dornas de Cambados e as da Illa. Na Regata da Reiboa, celebrada en Portonovo, foron as embarcacións cambadesas as que ocuparon os primeiros postos.










