
O campionato galego de dornas a vela ‘Copa Mörling’ continúa co seu periplo polas Rías Baixas. Hoxe recalará en Cambados para disputar a IX Regata do Salnés. Trátase da segunda proba puntuable desta tempada, despois da Regata do Sepelo, celebrada o pasado sábado en Portonovo. A dorna ‘Fungona’, da Asociación Dorneiros Regateiros, lidera provisionalmente a clasificación xeral da Mörling e defenderá o liderado no seu mar.
En segunda e terceira posición están ‘Abuelo Tucho’, do Clube Mariño Salnés - tamén de Cambados-; e a ‘Pereka’, da Asociación Cultural Deportiva Dorna da Illa de Arousa, campioa galega desta copa desde a primeira edición.
As dornas comezarán a proba en Cambados a partir das 16:30 horas desde o Peirao de Santo Tomé. Media hora antes da regata terá lugar a habitual xuntanza de patroas e patróns das embarcacións participantes na que se darán a coñecer os detalles do campo de regatas, o percorrido, o número de voltas en función das condicións do vento e do mar, e as medidas de seguridade preceptivas para un discorrer seguro da competición.
Entre 20 e 30 dornas procedentes das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo participarán neste regata. A Asociación Dorneiros Regateiros están á fronte da organización da Regata do Salnés, co apoio da Asociación A Torre, tamén de Cambados.
A Copa Mörling de Dornas a Vela celebra este ano o seu primeiro lustro de vida cun circuíto de regatas en 5 vilas do litoral sur galego, onde máis tradición se conserva de navegación con este tipo de embarcacións. Culturmar organiza este campionato, xunto coas asociacións locais de cada un dos portos do circuíto, co obxectivo de contribuír á recuperación, conservación e difusión do patrimonio mariñeiro tradicional galego.
O circuíto de regatas a dornas a vela terá unha terceira cita tamén neste mes de xuño. Será o sábado 27 na Illa de Arousa, no Triángulo do Cantiño. A Regata dos Faros será a cuarta proba puntuable e disputarase o 4 de xullo no Grove. A Copa Mörling finalizará a súa quinta edición o 22 de agosto en Combarro (Poio), coa disputa da Regata da Reiboa.










