
Ribeira correrá coa sexta edición da Carreira 5K El Canario, homenaxe a José Nespereira, que promove esta escola de boxeo coa colaboración do Concello. Esta cita deportiva terá lugar no domingo, 28 de xuño, a partir das 10.00 horas, coa praza do Concello como punto de partida e meta.
Reunirá as modalidades absoluta, zapatilla inclusiva, carreiras por parellas e categorías menores, que deberán completar a distancia que lles corresponde, sendo a proba absoluta de cinco quilómetros.
O percorrido é urbano, polo que discorrerá a carón do mar ata a zona das Carolinas para subir pola rúa Lepanto, Miguel Rodríguez Bautista, Abesadas e baixar pola rúa Rosalía de Castro. O concelleiro de Deportes, Álex Vidal, reafirmou o compromiso da Administración local con esta proba.
Neste senso, puxo en valor que este tipo de eventos rendan tamén homenaxe a deportistas das distintas disciplinas como sucede con José Nespereira no atletismo.
En representación da Escola de Boxeo El Canario, Clara Millares, avanzou que haberá trofeos e tamén premios en metálico para os tres primeiros postos da absoluta, ademais de sorteos entre os participantes de produtos doados por colaboradores.










