O Concello de Vilanova homenaxea ao ciclista Víctor Mariño, un dos referentes do BTT galego

Víctor Mariño, natural a parroquia vilanovesa de András, visitou o consistorio para amosar a súa última medalla conseguida no Campionato Galego de BTT Descenso, recibir as felicitacións da institución local e presentar o seu plan de ruta para a presente tempada. O concello tamén quixo agasallalo cunha metopa co escudo vilanovés para ter presente o apoio da súa vila natal.
Despois de superar unha lesión no ligamento cruzado que o mantivo afastado da bicicleta durante todo o 2024, o alcalde, Gonzalo Durán, mostrouse moi orgulloso da súa traxectoria deportiva e destacou o seu esforzo e capacidade de superación. “Que siga traendo os mellores premios a Vilanova”, sinalou, engadindo ademais que “Víctor, alá onde vaias, nos representas”.
Pola súa banda, Eliana Vidal, a concelleira de deportes, destacou a figura de Víctor coma “un gran deportista que temos no noso concello” e adiantou que como parte do labor de apoio que fai o concello cos deportistas de élite da vila, entregaráselle un lote de material deportivo que poida axudarlle a continuar coa súa preparación deportiva.
O ciclista vilanovés Víctor Mariño Ferreira e un dos novos referente do BTT descenso galego, este xoven deportista de talle internacional destaca polos seus éxitos no ciclismo de montaña e, especialmente, na modalidade de descenso. A pesar da súa xuventude, converteuse nun habitual dos podios autonómicos e nacionais, acumulando numerosos recoñecementos dende categorías inferiores.
Fora das nosas fronteiras, xa participou en tres Copas do Mundo e competiu en campionatos europeos, consolidando a súa proxección fóra de Galicia. Actualmente, ostenta o título de campión de Galicia de BTT descenso na categoría Élite.
No seu palmarés figuran logros como o título de campión galego júnior, subcampión de España Junior, terceiro posto na Internacional Portuguesa, campión galego Sub 23 e Absoluto, ademais do primeiro posto Scratch no Campionato Asturiano de Pajares, así como na Copa do Minho de Barcelos. A vindeira semana comezará unha nova aventura no europeo que terá lugar en Girona e a posteriori viaxará ata Austria para representar a España na Copa do Mundo, poñendo a Vilanova unha vez máis, no mapa da élite deportiva.










