
Celebrouse no pavillón municipal de Pontepedriña de Santiago o Campionato Galego de esgrima categoría absoluta. Estivo organizado pola Federación Galega de Esgrima e o Clube Compostela.
Esta competición, considerada a categoría raíña da esgrima galega, xuntou a case 70 tiradores dos diferentes clubes de Galicia. Así, na súa categoría, a cambadesa Araceli Bugallo gañou catro asaltos contra: Ana González de Silleda, Stefany López do Z100T da Coruña, Sofía Alonso do CECVI de Vigo e Laura Gómez do AVE de Vilagarcía, perdendo 1 asalto contra Nieves Eiriz do Z100T da Coruña.
Xa no taboeiro de 16º, o cruce foi contra a vilagarciana Laura Gómez, gañando 15-7. No cadro de octavos o cruce foi contra Stefany López do Z100T da Coruña, no que a cambadesa gañou por 15-8. En semifinais o cruce foi contra a súa compañeira de equipo, Elia Requeijo do COMES, gañando Bugallo por 15-10.
E por último xa na final contra Rosa Cano do CECVI de Vigo, gañando 15-12; asalto moi disputado de principio a fin. Así, Araceli Bugallo regresou ó máis alto do podio, por diante de Rosa Cano do CECVI de Vigo, e de Carolina Mourelle e Elia Requeijo do COMES. Do mesmo modo, nas competicións por equipos, en categoría femenina, a cambadesa acadou o primeiro posto facendo equipo con Elia Requeijo e con Natalia Díez.










