O pavillón de Beiro foi o epicentro da actividade deportiva en Valga. Alí congregáronse máis de 300 deportistas que participaron no X Campionato de Karate, unha cita que se desenvolveu na xornada do sábado con karatekas de 22 clubs chegados dende toda a xeografía galega e tamén do norte de Portugal.
Durante a mañá disputáronse os encontros das categorías superiores (cadete, júnior e sénior) e, pola tarde, foi a quenda de prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís e xuvenís.
En representación do Concello asistiu o concelleiro de deportes, Manuel Ferreiro, que participou na entrega de medallas e aproveitou para felicitar ao Club Karate de Valga non só pola organización do Campionato senón tamén polo labor que realiza para o fomento da práctica deportiva. Conta con 70 deportistas federados nas súas tres escolas de Valga, Lavacolla e Casa Agraria en Santiago.
No torneo do sábado, o Club Karate de Valga participou cunha delegación de 45 deportistas e, por primeira vez nestas dez edicións, acadou o primeiro posto no medalleiro, cun total de 20 metais: seis ouros, catro pratas e dez bronces, pechando así unha excelente xornada.










