O Club de Remo Cabo de Cruz celebra este sábado a súa regata contra o reloxo cun obxectivo social
Colabora tamén nesta proba a Asociación Boirense de Empresa que patrocina coa marca #SomosBoiro as bandeiras veteranas

O Concello de Boiro colabora co Club de Remo Cabo de Cruz na organización da XXIII Regata Contra o Reloxo que terá lugar este sábado 31 de xaneiro no peirao de Cabo de Cruz. O concelleiro de deportes, Marcos Fajardo, participou na presentación xunto con Luis Piñeiro, presidente do Club de Remo Cabo de Cruz, e Tomás Estévez, xerente da ABE.
A regata realizarase como unha regata contra o reloxo tradicional cun so carreiro e na que van participar un total de 67 equipos repartidos nas categorías de remo inclusivo, BCS/SMC, sub17, veteranos e categorías absolutas.
Nesta edición vanse disputar a II bandeira solidaria Club de empresas CRCC. Remo inclusivo; a I bandeira BCS; a IV bandeira veterana feminina #SomosBoiro; e a IV bandeira veterana masculina #SomosBoiro.
“Despois do éxito da anterior bandeira solidaria este ano queremos seguir apostando por unha causa social como son as neurodiverxencias co obxectivo de darlles visibilidade e camiñar cara unha inclusión real”, afirmou o presidente do Club de Remo, Luis Piñeiro.
Colabora tamén nesta proba a Asociación Boirense de Empresa que patrocina coa marca #SomosBoiro as bandeiras veteranas. “Fai varios anos que colaboramos co Club de Remo Cabo de Cruz para vincular a actividade deportiva coa empresarial”, afirmou Tomás Estévez.
O concelleiro de deportes, Marcos Fajardo, agradeceu a implicación e sinerxías das dúas entidades que “fan mais pobo e que demostran que o deporte tamén pode ser unha ferramenta de transformación social”.








