Antonio Vidal 'Cosme' súmase á Carreira Ciclista Vellas Glorias de Caldas de Reis
Compartirá escenario con lendas como Perico Delgado, Álvaro Pino ou Ezequiel Mosquera na ruta que se disputa mañán as 16:30 horas

As rúas de Caldas de Reis van converterse mañá no epicentro do ciclismo galego coa Carreira Ciclista de Vellas Glorias que reunirá máis de medio cento de corredores históricos. Como novidade, o tenente de alcalde Manuel Fariña anunciou que vai sumarse á proba Antonio Vidal ‘Cosme’, campión galego de 90 anos que percorrerá varias voltas ao circuíto urbano.
A carreira iniciarase ás 16.30 horas. Consistirá en percorrer un itinerario pola vila de 1,3 quilómetros, onde as e os ciclistas darán 55 voltas, comezando e finalizando na Prazuela e pasando por diversas rúas do centro da vila: a través de Carlos García Baión, Río Pequeno, Porto do Río, Rúa Real, Fornos, Rúa da Igrexa, Palmeiras, Rúa da Alhóndiga, José Salgado, Pedro Mateo Sagasta, Laureano Salgado para finalizar na Prazuela de novo.
Fariña subliña que a carreira, organizada cos patrocinios de Cortizo e BYD Caldas de Reis, servirá como homenaxe a todas as figuras presentes do ciclismo galego, entre elas ‘Cosme’, de quen lembrou mantivo durante anos un récord no ciclismo que ninguén conseguiu superar, foi medalla de ouro nos I Xogos Deportivos de Galicia no 1961 e gañou moitas carreiras no país como profesional ademais de ser responsable da xestión da Ruta Cicloturística do Románico.
‘Cosme’ sumarase a un elenco no que “non faltará ninguén”. Estarán presentes Álvaro Pino, pioneiro español en gañar o Tour de Francia en 1986; Ezequiel Mosquera, coñecido pola súa destacada actuación na Volta a España; José Teixeira, unha figura vencellada ao ciclismo durante máis de 50 anos e actualmente masaxista do equipo gañador do Tour de Francia 2024; Blanco Villar, un referente en competicións de fondo; e Evaristo Portela, un destacado escalador da súa época, actualmente vinculado ao equipo Froiz, así como Perico Delgado.
O tenente de alcalde e responsable de Deportes, Manuel Fariña, explica que a carreira permitirá ademais percorrer varias voltas do circuíto a persoas afeccionadas ao ciclismo, que poderán compartir uns quilómetros coas súas lendas de referencia. O único requirimento para poder participar é presentarse na saída antes da carreira e comprometerse a acatar as normas de seguridade, que serán explicadas pola organización.
Novamente, Fariña convidou á xente a tomar parte e a gozar do evento. “É unha satisfacción acoller unha cita nas que tomen parte tantas figuras históricas do ciclismo galego. Calquera corredor que se nos veña á cabeza do ciclismo galego dos últimos anos vai estar aquí en Caldas, por iso agardamos que toda a xente moza afeccionada a este deporte se apunte, porque vai ser unha moi bonita ponte entre xeracións de ciclistas”, salientou.