Máis de medio centenar de vellas glorias recorrerán o circuito urbano de Caldas de Reis
A proba será o próximo sábado 25 de outubro

Máis de medio cento de vellas glorias do ciclismo galego e estatal percorrerán o circuíto urbano de Caldas de Reis o vindeiro sábado 25 de outubro as 16:30 horas. A proba, organizada polo Concello de Caldas, pretende facer da vila termal o epicentro do ciclismo estatal e atraer a numerosos afeccionados que queiran ver a figuras históricas do ciclismo galego, como Álvaro Pino, Ezequiel Mosquera, José Teixeira, ou Perico Delgado.
O tenente de alcalde e responsable de Deportes, Manuel Fariña, explica que a proba foi ideada e organizada en colaboración co exciclista profesional e veciño de Caldas, Manuel Piñeiro, quen tamén participará no evento. Consistirá en percorrer un circuíto urbano de 1,3 quilómetros, onde os ciclistas darán 50 voltas, comezando e finalizando na Prazuela e pasando por diversas rúas do centro da vila: a través de Carlos García Baión, Río Pequeno, Porto do Río, Rúa Real, Fornos, Rúa da Igrexa, Pasionistas, A pena, José Salgado, Laureano Salgado para finalizar en Carlos García Baión de novo.
Fariña subliña que a carreira vai converter Caldas de Reis nunha festa, xa que ademais permitirá percorrer varias voltas do circuíto a persoas afeccionadas ao ciclismo.