‘Os Reis da Terra’, a nova clásica do ciclismo do rural galego que acolle Caldas este domingo
Participan setenta corredores nun trazado de 140 quilómetros diseñado por Samu Blanco, que percorrerá estradas secundarias tamén de Portas, Moraña, Cuntis, Meis e Barro

Caldas de Reis acolle este domingo a primeira edición de ‘Os Reis da Terra’, unha proba de estrada para categorías Élite e Sub-23 que nace coa vocación de converterse nunha referencia do ciclismo nacional e baixo unha idea tan sinxela como diferencial: levar unha auténtica clásica do ciclismo ao corazón do rural galego.
A carreira, que conta con máis de 70 corredores, terá saída e chegada en Caldas e percorrerá tamén os municipios de Portas, Moraña, Cuntis, Meis e Barro, nun trazado de 140.5 quilómetros e preto de 2.400 metros de desnivel positivo. A saída está prevista para as 10.00 horas desde a praza Martín Herrera en Caldas, concello anfitrión.
‘Os Reis da Terra’ aposta por un percorrido pouco habitual nas carreiras convencionais, afastándose das grandes estradas para introducir o pelotón por estradas secundarias, camiños rurais, aldeas e pequenos núcleos de poboación. Non haberá unha única gran subida chamada a decidir a carreira, senón unha sucesión de repeitos, ascensos e descensos, cambios de ritmo e dificultades que irán acumulando desgaste e obrigarán os corredores a estar permanentemente atentos. Inclúense dous premios de montaña, no Alto da Casiña e no Alto de San Clemente, así como tres metas volantes.
O tramo final promete ser un dos grandes atractivos da xornada. Nos últimos quilómetros, o pelotón regresará ao centro de Caldas e afrontará a entrada despois de cruzar a ponte da Ferrería, coa meta instalada entre o Paseo Román López e a Praza das Palmeiras, dúas das localizacións máis recoñecibles da vila termal. O libro de ruta prevé que a chegada se produza aproximadamente entre as 13.10 e as 13.41 horas, dependendo do ritmo de carreira.
A proba foi presentada este venres en Caldas polo tenente de alcalde do Concello Manuel Fariña e polo organizador Samuel Blanco. Fariña destacou que “Caldas de Reis entende o deporte como unha forma de vivir e tamén como unha maneira de coñecer e interpretar o territorio”, polo que considerou que a chegada desta nova clásica encaixa “de maneira natural” coa aposta municipal polo ciclismo.
‘Os Reis da Terra’ está organizada pola Federación Galega de Ciclismo en colaboración co Skornabiker C., e está integrada no calendario nacional da Real Federación Española de Ciclismo e é puntuable para o Ránking Nacional. A organización destaca a combinación entre competición de alto nivel e promoción do territorio como a principal identidade dunha proba que aspira a converterse nunha auténtica clásica do ciclismo galego.












