Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Deportes

A 41ª Volta á Arousa en Dornas a Vela zarpa este sábado desde o Cantiño

A Illa volve a acoller unha das grandes citas da navegación tradicional galega

A presentación da proba tivo lugar esta mañá na Illa
A presentación da proba tivo lugar esta mañá na Illa
cedida
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

A Volta á Arousa en Dornas a Vela celebra este sábado a súa 41ª edición, consolidada como unha das grandes citas da navegación tradicional galega. A saída terá lugar ás 16 horas desde o Cantiño, na Illa de Arousa, recuperando por segundo ano consecutivo o seu emprazamento histórico.

Na pasada edición, coincidindo co 40º aniversario da proba, a organización recuperou o punto orixinal de saída e tamén o tradicional sistema de largada, coas dornas amarradas a un cabo ata o momento de iniciarse a regata. Unha imaxe que forma parte da memoria colectiva da Volta á Arousa e que achega un importante valor patrimonial e espectacular á competición. 

A edición do ano pasado reuniu preto de medio cento de embarcacións, unha participación que confirmou o excelente momento que vive esta cita e que se espera repetir nesta nova convocatoria. O Cantiño, corazón mariñeiro da Illa de Arousa, continúa a ser un dos mellores lugares para vivir o ambiente da saída e da chegada das embarcacións. Ademais, a renovada contorna do barrio do Naval, dotada de bancos e dun miradoiro privilexiado sobre toda a abra do Cantiño, convértese nun espazo excepcional para seguir o desenvolvemento da regata e gozar dun dos momentos máis espectaculares da navegación tradicional galega. É tamén o lugar onde os mariñeiros máis veteranos continúan compartindo a súa experiencia, observando as manobras e ofrecendo algún consello ás novas xeracións de navegantes. 

Para Héctor Suárez, director da Escola de Navegación Tradicional, "a Volta á Arousa é moito máis ca unha regata. É unha forma de manter vivo o noso patrimonio marítimo e de reunir arredor del a toda unha comunidade. Recuperar a saída desde o Cantiño e facelo co sistema tradicional supón volver ás nosas orixes e reivindicar a maneira na que sempre se navegou na ría." Segundo Suárez, "cada embarcación leva consigo unha historia e cada edición demostra que a navegación tradicional segue máis viva ca nunca.

O máis importante é ver como conviven mariñeiros veteranos e novas tripulacións, compartindo coñecementos e facendo que este patrimonio continúe navegando cara ao futuro." Baixo o lema "Onde o mundo se chama Volta á Arousa", a organización convida á veciñanza e ás persoas visitantes a achegarse ao porto para vivir unha xornada na que tradición, mar e cultura volverán darse a man.

Ao remate da regata celebraranse os tradicionais petiscos na contorna do barrio do Naval. A entrega de trofeos terá lugar na Praza do Portiño, nun acto organizado en colaboración coa programación do Orgullo impulsada polo colectivo Polari, unindo patrimonio marítimo, diversidade, cultura e convivencia nunha mesma celebración aberta a toda a cidadanía.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620