A Liga Galega B e a Feminina comezan este sábado na Pobra
A XXI Bandeira Concello da Pobra e a III Bandeira Feminina reparten máis de doce mil euros en premios

O Concello da Pobra presentou a XXI Bandeira Concello da Pobra e a III Bandeira Feminina Concello da Pobra, dúas citas xa consolidadas no calendario que serven para abrir a Liga Galega de Traiñeiras B a Feminina. Dispútanse o sábado no peirao comercial da vila. Na presentación participaron o alcalde da Pobra, José Carlos Vidal, e representantes do Club de Remo Puebla.
A XXI Bandeira Concello da Pobra disputarase sobre un percorrido de 5.556 metros, con seis longos e catro rúas. A competición masculina dará comezo ás 17.00 horas e repartirá un total de 5.000 euros en premios. Pola súa banda, a III Bandeira Feminina Concello da Pobra celebrarase a partir das 18.00 horas sobre un percorrido de 2.772 metros, con tres longos e catro rúas. A proba repartirá 7.560 euros en premios e consolídase como unha das citas máis destacadas do calendario feminino da Liga Galega de Traiñeiras.
Durante a súa intervención, o alcalde destacou a importancia dunha competición que combina deporte, tradición e promoción do municipio. Sinalou que o remo forma parte da identidade mariñeira da Pobra e que eventos coma este contribúen a dinamizar a economía local, atraer visitantes e proxectar a imaxe do concello máis alá das súas fronteiras. Tamén puxo en valor a consolidación da III Bandeira Feminina Concello da Pobra, unha mostra da aposta por un deporte cada vez máis igualitario.
José Carlos Vidal agradeceu o labor do Club de Remo Puebla, así como a implicación das persoas voluntarias, das administracións colaboradoras, das entidades patrocinadoras e de todas aquelas persoas que fan posible a celebración desta regata edición tras edición. Ademais, reafirmou o compromiso do Concello co deporte, non só polos éxitos competitivos, senón tamén polos valores que transmite, como o esforzo, a superación, o compañeirismo e o traballo en equipo, ademais de fomentar hábitos de vida saudables.










