A “Jalerna” gaña o Triángulo do Cantiño na Illa
A dorna tripulada por Ricardo e Manuel Dios non fallou na casa, polo que se apreta a clasificación da V Copa Mörling

A regata do Triángulo do Cantiño, na Illa de Arousa, provocou unha intensa revoltura nas clasificacións da Copa Mörling de dornas a vela. A “Jalerna” acabou levándose a victoria no quinto Triángulo do Cantiño, homenaxe a Claudio Ameneiro, o socio máis lonxevo da Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa (ACD Dorna), organizadora da proba.
Tripulada por Manuel e Ricardo Dios, que se levantou da mesa na comida do centenario do Céltiga para ir regatear e voltou cun novo triunfo, a embarcación dos Dorneiros Regateiros demostrou que é unha das clásicas nas regatas da ría e sempre entre as primeiras na parte nobre da clasificación. Non podía ser menos na casa.

En segunda posición, entrou na liña de meta a “Xarandeira” (Asociación Fasquía da Illa), de Santi Mougán e Ángel Iglesias, seguida da tamén isleña “Rosalía”, da ACD Dorna, embarcación que fixo gran parte do percorrido cunha seria avaría na roda da súa dorna tras unha colisión nun bordo contra bordo. A cuarta e quinta posición acadárona outras dúas dornas da ACD Dorna. A “Pereka”, con José Antonio Dorado e ‘Chica’ Alberto Vicente; e a ‘Maristela’, unha dorna con historia porque durante moitos anos foi a embarcación na que navegou o homenaxeado, Claudio Ameneiro, e que agora, seguindo a saga familiar, patronea o seu sobriño Jesús Ameneiro.
A regata do sábado na Illa de Arousa foi moi esixente polo vento refachado do suroeste a primeiras horas da tarde na ría de Arousa, chegando a forza 12 nalgúns momentos do percorrido. Con máis de trinta dornas inscritas, esta proba e, até agora, a de maior participación esta tempada.
Celebradas xa tres das cinco probas do calendario desta V Copa Mörling, a “Pereka” mantén o primeiro posto nan clasificación, seguida por un pechado grupo de dornas cambadesas: “Fungona”, “Jalerna” (Dorneiros Regateiros); Abuelo Tucho e Miserela (Club Mariño Salnés).










