
O Concello de Pontecesures presentou oficialmente o II Torneo de Fútbol Feminino, unha iniciativa que consolida a aposta da administración local pola promoción do deporte feminino e pola creación de espazos de participación, visibilidade e igualdade a través da práctica deportiva.
O torneo celebrarase o vindeiro 27 de xuño a partir das 17:00 horas no Campo de Fútbol Ramón Diéguez e contará coa participación dos equipos Bastavales UD, CD Rois, Laiño CF e As Ullas de Pontecesures.
A competición converterá novamente a vila nun punto de encontro para o fútbol feminino e para a difusión dos valores asociados ao deporte entre a veciñanza. “Desde o Concello de Pontecesures seguimos traballando para impulsar iniciativas que fomenten a igualdade de oportunidades no ámbito deportivo, apoiando especialmente o deporte feminino e creando referentes para as novas xeracións”, sinalou a alcaldesa Maite Tocino.
A rexedora subliñou tamén que “este torneo é unha mostra do compromiso municipal coa promoción da práctica deportiva entre as mulleres e co recoñecemento do esforzo, a dedicación e o talento das deportistas”, poñendo en valor o traballo de As Ullas.










