A Illa coroou os campións galegos
O Val Miñor prebenxamín, o RC Celta benxamín e o RC Deportivo alevín conquistaron os títulos autonómicos de fútbol 8 na fase final disputada onte no Salvador Otero, onde o Céltiga foi o anfitrión

O campo Salvador Otero da Illa de Arousa acolleu onte a fase final do Campionato Galego de Fútbol 8, no que acadaron os títulos o Val Miñor en categoría prebenxamín, o RC Celta na benxamín e o RC Deportivo na alevín logo dunha intensa e emocionante xornada de fútbol sobre o coidado céspede do campo do Céltiga. Foron doce equipos, catro por categoría, os que competiron onte na Arousa, logo de clasificarse a través das diferentes ligas e da fase intermedia que tivo lugar a pasada semana en Laracha. Pola mañá disputáronse as semifinais.
Na categoría dos máis pequenos, o Val Miñor clasificouse para a final na tanda de penaltis, logo de empatar 1-1 co Conxo de Santiago. Pola súa parte, o Barbadás superou 2-1 ao San Tirso. As semifinais da categoría prebenxamín foron moi igualadas. Non así os partidos da tarde. Na final, o Val Miñor venceu 4-0 aos ourensáns, mentras que o Conxo Santiago levouse o terceiro posto ao gañar al San Tirso 3-1.

En benxamíns, pola mañá viviuse un partidazo co “miniderbi” galego entre RC Deportivo e Celta. Gañaron os vigueses 2-3, mentras que na outra semifinal o Santa Mariña venceu 1-0 ao Compostela. Na gran final partía como favorito o Celta, pero nada máis lonxe da realidade. O Santa Mariña non só lle plantou cara, tamén conseguiu nivelar ata en tres ocasións os goles celestes, O resultado final foi 3-3 e o campionato galego decidiuse nos penaltis, onde estivo máis acertado o RC Celta. O Compostela non foi rival para o Deportivo na final de consolación (4-0).

Por último, na categoría alevín, RC Deportivo e RC Celta cumpriron os pronósticos nas semifinais ao derrotar ao Pabellón Promesas (5-2) e ao Compostela (6-3). Os dos mellores equipos alevíns de Galicia medíronse no gran partido do día. Os herculinos foron moi superiores e gañaron 5-0. Estes dous equipos volverán a terras arousanas a vindeira semana para xogar o Arousa Fútbol 7. O Pabellón foi terceiro.

Na entrega de premios participaron o presidente da RFGF, Pablo Prieto; o alcalde de A Illa de Arousa, Luis Arosa; o presidente do Céltiga FC como club anfitrión, José Ricardo “Harry”; o xefe do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; e José Manuel Fernández, membro da xunta xestora da RFGF. O Céltiga colaborou coa Federación para que esta fase final fose un éxito organizativo, coincidindo co centenario do clube da Illa. Houbo bastante público nas gradas e acompañou a boa meteoroloxía.










