O XII Torneo Internacional Vila de Caldas convértese no epicentro do fútbol base ibérico reunindo 48 equipos e 750 deportistas
O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca o impacto económico positivo que eventos destas características, con moitas familias que pernoctan e conviven na vila termal durante tres días

Caldas de Reis volverase a converter no epicentro do fútbol base ibérico durante esta Semana Santa. A celebración do XII Torneo Internacional Vila de Caldas, que se disputará os días 2, 3 e 4 de abril no campo municipal de As Corticeiras, reunirá nesta edición un total de 48 equipos pertencentes a 29 clubs diferentes, reunindo a arredor de 750 rapaces e rapazas nas categorías benxamín Sub 10 e alevín Sub 12.
Entre os clubs participantes destacan formacións galegas como o RC Celta, Caldas CF, UD Ourense, Arosa SC,Portero 2000, Bertamiráns FC, ED Valmiñor, UD Santa Mariña, AJ Lérez, CD Conxo Santiago, EF Villa de Marín, EFMC Boiro e Xuventude Oroso, así como outros do país veciño como Vitoria SC Guimarães, Vizela FC, AF Ponte de Lima ou Áncora Praia, dando mostra da relevancia que está a consolidar este torneo a nivel nacional e internacional.
A organización do certame, un clásico xa nestas datas, corre a cargo do Caldas CF coa colaboración do Concello de Caldas de Reis, a Real Federación Galega de Fútbol e o apoio de diversas empresas patrocinadoras que contribúen á crecente dimensión do torneo ano tras ano.
Dende o Concello, o tenente de alcalde e responsable de Deportes, Manuel Fariña, destacou a importancia desta cita deportiva tanto para promover valores deportivos entre a rapazada como polo impacto positivo que ten para o municipio. Subliñou que ademais de ás pequenas e pequenos que xogarán os partidos, a vila está a acoller ás súas familias, persoal adestrador e equipas técnicas que en moitos casos pernoctan na vila termal, o que supón un grande movemento no sector hoteleiro e hostaleiro e unha ferramenta de proxección turística extraordinaria para Caldas.
“Dende o Concello apostamos polo deporte como motor de desenvolvemento local e eventos coma este, que xa levan doce edicións confiando na nosa vila, e que ten cada vez ten máis repercusión, son exemplos de que seguimos a dirección correcta. En Caldas estes días vaise respirar deporte de base", di.
"O Torneo Vila de Caldas é xa un evento emblemático dentro do calendario deportivo galego durante a Semana Santa e estamos seguras de que, a máis, vai ter un retorno no futuro, porque moita da xente que nos visita hoxe por este campionato vai volver para gozar de todo o que podemos ofrecer a nivel turístico”, conclue.
Pola súa banda, nunha liña similar, o presidente do Caldas CF, Miguel López, puxo en valor o traballo colectivo que fai posible a iniciativa, destacando que o torneo vai moito máis aló dun simple campionato deportivo, apostando por converterse nunha experiencia enriquecedora para a rapazada, promovendo valores como a convivencia, a inclusión, o respecto e a igualdade no deporte.
Todos os partidos (de dous tempos de 12 minutos cada un) xogaranse no campo municipal das Corticeiras, que estará adaptado a fútbol 8, entre as 9.30 da mañá e as oito da tarde. As finais de ouro celebraranse ás 20.30 horas despois de facer os cruces de equipos ao longo de todo o día.







