Galicia non pasa do empate na última xornada ante Castela e León en Palencia
A Selección Galega podería acceder á seguinte fase da Copa das Rexións tras reclamar unha presunta aliñación indebida de Andalucía e empatar ante a anfitrioa

Galicia, pendente da oficialidade da clasificación. A Selección Galega segue á espera de que a RFEF publique a clasificación definitiva do Grupo D desta primeira fase nacional da Copa das Rexións UEFA tras o recurso presentado pola RFGF para denunciar unha presunta aliñación indebida de Andalucía no choque de onte.
De prosperar o recurso, Galicia tería o billete para a seguinte fase da Copa das Rexións pese non gañar ningún dos seus dous partidos disputados. Os de Manolo García necesitaban gañar hoxe á anfitrioa, Castela e León, e por cuantos máis goles mellor para poder aspirar a clasificarse como unha das mellores segundas.
Con todo, e a pesar de poñerse por diante no marcador ata en dúas ocasións, o cadro galego acabou empatando o choque (2-2). Se a resolución é positiva, Galicia estará na Fase Intermedia do próximo mes de xaneiro de 2026.




















