O Medio Maratón de Vilagarcía contará con "lebres" para que os participantes poidan mellorar marcas
A pobra que se celebra o domingo volverá a ser Campionato Galego. Xa se inscribiron máis de 700 atletas e destínanse 2.000 euros en bonos Son da Casa para premiar aos gañadores

O Medio Maratón Concello de Vilagarcía conta este ano con dúas novidades. Ademais de incluír ‘lebres’ para facilitar aos corredores bater marcas, a Fundación de Deportes premiará aos vencedores de cada categoría con bonos Son da Casa para gastar nos establecementos da localidade.
A proba, que por terceiro ano consecutivo servirá para dirimir o Campionato Galego, celebrarase este domingo, 30 de novembro, e foi presentada hoxe polos concelleiros Carlos Coira e Álvaro Carou, acompañados polo representante da Federación Galega de Atletismo David Posada, que definiu a carreira como “moi interesante para os deportistas porque ao ter un percorrido practicamente chairo, sen apenas pendentes, fai que sexa moi rápida e permita facer marcas persoais”.
Voluntarios do Club Triatlón Vilagarcía
Coa inscrición aínda aberta, o número de participantes xa acada os 700 deportistas, entre os que destaca a nutrida representación galega, con atletas da talla de Pablo Otero, Hugo García, Anxo Castro, Marcos Oro, Natalia García, Lourdes López, Sara Martínez e Sonia Teijeiro. A maiores, contarase coa presenza de corredores procedentes de diferentes puntos de España, como León, Madrid, Colmenar Viejo, Granada ou Zaragoza.
Serán atletas voluntarios do Club Triatlón ViIagarcía os que exerzan o papel de lebres parar que os corredores que o desexen poidan tratar de bater tempos nas marcas de 1.24, 1.30, 1.40 e 1.50 horas. Ademais, homologarase o punto quilométrico 10.000 para aqueles atletas que queiran facer marca nesa distancia.
O Medio Maratón poderá correrse na modalidade popular e na do Campionato Galego, en ambos casos, cunha distancia de 21 quilómetros con 97 metros. Para a primeira, as inscricións deber realizarse a través da plataforma www.carreirasgalegas.com, e os deportistas federados que tomen parte na segunda, a través da páxina atletismo.gal. Haberá categorías sub 20, 23, sénior e, a partir dos 35 anos e por tramos de idades, Máster 1, 2, 3 e 4, tanto na modalidade masculina como na feminina.
Peche do tráfico
Comezará ás 10.30 horas na avenida da Mariña, á altura da praza da II República, e discorrerá por un circuíto urbano homologado pola Real Federación Española de Atletismo. Despois de dar unha volta ao parque de Miguel Hernández, o percorrido continuará pola avenida Laureano Gómez (antiga Rivero de Aguilar) e por Valle-Inclán ata ao parque do Preguntoiro, en Vilaxoán. Dende aí regresarase polo mesmo camiño a Vilagarcía para proseguir cara O Carril e dar a volta á altura do cruce de Trabanca Sardiñeira. Este traxecto completarase dúas veces para atravesar a liña de meta, de novo na avenida da Mariña.
A organización advirte de que a avenida da Mariña pecharase ao tráfico rodado a partir das 7 da mañá e os resto das vías afectadas pola carreira, dende as 9 e de forma progresiva.
Co obxectivo de axilizar a organización e tendo en conta que hai participantes que chegan un día antes á cidade, a Fundación de Deportes porá un punto de recollida de dorsais no Auditorio o sábado 29, de 16 a 20 horas, e o domingo de 8.30 a 10.15 horas.
Bonos Son da Casa
Bonos Son da Casa Ademais de entregar premios en metálico aos mellores clubes, como xa se viña facendo, este ano destínanse 2.000 euros en bonos Son da Casa para premios aos gañadores, masculinos e femininos, de cada categoría. Na proba absoluta concederase bonos por valor de 300, 200 e 100 euros aos primeiro, segundo e terceiro clasificados. Tamén levarán 50 euros en bonos Son da Casa os primeiros clasificados de cada categoría da proba popular.
O concelleiro Álvaro Carou, explicou que se quixo recuperar a dotación económica para premiar o esforzo dos gañadores e incentivar a participación, pero tamén buscar o dobre beneficio que supón que o gasto reverta en Vilagarcía, en establecementos comerciais, hostaleiros e de servizos que participen na campaña que se desenvolverá do 1 de decembro ao 1 de xaneiro.




















