Caldas organiza unha proba ciclista de "vellas glorias" con Perico Delgado, Álvaro Pino e Ezequiel Mosquera
Será o día 25 de outubro nun circuíto urbano

Caldas acollerá o 25 de outubro unha carreira urbana de "vellas glorias" do ciclismo que incluirá a Perico Delgado, Álvaro Pino ou Ezequiel Mosquera, entre outras figuras históricas. A proba, organizada polo Concello, pretende converter a vila termal no epicentro do ciclismo estatal e, de paso, congregar á moitas persoas afeccionadas que poderán participar e rodar coas lendas do deporte unha pequena parte do circuíto.
Entre os destacados participantes atópanse lendas do ciclismo galego como Álvaro Pino, quen foi o primeiro español en gañar o Tour de Francia en 1986; Ezequiel Mosquera, coñecido pola súa destacada actuación na Volta a España; José Teixeira, un referente no pelotón nacional; Blanco Villar, unha icona nas competicións de fondo; e Evaristo Portela, un gran escalador da época actualmente director do equipo Froiz.
Segundo explica o tenente de alcalde Manuel Fariña, tamén responsable de Deportes, a proba foi organizada en colaboración co exciclista profesional e veciño de Caldas Manuel Piñeiro. O anfitrión, que participou entre 1982 e 1990 en importantes probas do calendario ciclista como a Volta ou o Tour, está agora a contribuír no desenvolvemento do ciclismo en Galiza e facer de embaixador deste deporte na súa propia vila e tamén terá unha participación destacada na proba.
Circuíto urbano
A carreira consistirá en percorrer dende as 16.30 horas un circuíto urbano de 1,3 quilómetros -30 voltas- deseñado polo exciclista profesional e tamén veciño da vila termal Samuel Blanco Prol, que pasará polas principais rúas do centro da vila: terá saída da Prazuela, para despois seguir polas rúas Carlos García Baión, Río Pequeno, Porto do Río, Rúa Real, Fornos, Rúa da Igrexa, Palmeiras, Rúa da Oliva e Laureano Salgado Baión para chegar de novo á Prazuela.
Fariña destaca que o percorrido foi deseñado para facilitar a visibilidade da proba e que a xente de Caldas se volque acudindo como público. Incluso será posible que persoas afeccionadas poidan rodar xunto ás lendas algunha das voltas ao circuíto, pero non en toda a súa extensión por cuestións de seguridade”.
“Ciclistas que fixeron historia no deporte reuniranse nesta carreira, onde non só competirán, senón que tamén compartirán anécdotas e lembrarán rivalidades que perduraron ao longo dos anos”, apunta Fariña, que destaca que a proba será unha festa que atraerá á vila termal a xente de todo o país. “A trascendencia dun evento destas características porá Caldas no mapa do deporte unha vez máis”, sentenza.
O anuncio da carreira foi difundido polo propio Perico Delgado, quen subliñou nas súas redes sociais que vai ser “un día para o recordo, a nostalxia e a camaradería. Ciclistas doutros tempos retarémonos e lembraremos pasadas rivalidades cos veciños de Caldas e todo o que se queira achegar neste encontro con glorias deste deporte".