O Concello de Vilagarcía recibe ó ciclista Martín Rey tras unha tempada sobresaínte
O deportista, que compite baixo as cores do equipo padronés Cortizo, tamén foi subcampión da Copa España

O Concello recibiu este mediodía a visita do ciclista vilagarcián Martín Rey, que vén de facer unha temporada de sobresaínte coroándose como campión no ranking nacional sub23. O deportista, que compite baixo as cores do equipo padronés Cortizo, tamén foi subcampión da Copa España.

O alcalde, Alberto Varela, e o concelleiro de Deportes, Carlos Coira, desexáronlle o mellor e vaticináronlle un futuro prometedor: "Se con 22 anos es capaz de conseguir tantos logros, non nos cabe dúbida de que serás toda unha referencia do ciclismo", apuntou o rexedor.

Martín Rey, que se mostrou moi agradecido co seu equipo, apuntou que foi "unha temporada dura" na que o deu todo por conseguir os mellores resultados: campión da Santikuz Klasica Copa de España en Legazpi; podium nas en copas de España de Aitzondo e Valladolid, Campión da Volta Castela e León, etc. O ciclista tamén fixo fincapé na importancia de coidar a saúde mental para lograr bos resultados: "Ás veces as cousas non saen como ti queres, por iso é importante rodearte dunha sólida rede de apoio para seguir", explicou o deportista.

O concelleiro de Deportes, que segue de preto os logros dos deportistas locais, amosouse moi orgulloso da canteira coa que conta a cidade, que "de seguro seguirán dando momentos para o recordo a Vilagarcía". Pola súa parte, Alberto Varela, sinalou que o ciclista "é todo un exemplo a seguir para a cidade e para os amantes do deporte".








