Cambados notifica a máis de 800 veciños a obriga de manter limpas as fincas, baixo importantes sancións
Aprobaron o Plan Municipal de Prevención de Incendios Forestais e un convenio da Xunta con Seaga

O Concello de Cambados comezará a notificar aos propietarios e responsables de parcelas próximas a vivendas que incumpran as obrigas de xestión da biomasa para que procedan á súa limpeza, co obxectivo de reducir o risco de incendios forestais e protexer as persoas, as vivendas e os bens.
Esta actuación é posible grazas á adhesión do Concello de Cambados ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e Seaga, destinado á consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. A adhesión foi aceptada mediante resolución da Consellería do Medio Rural do 25 de marzo de 2026 e formalizada o 26 de marzo.
No marco deste acordo, Seaga realizou as inspeccións das faixas secundarias dos núcleos rurais e agora o Concello activará o procedemento de comunicación aos titulares das parcelas nas que se detecte o incumprimento da normativa de prevención de incendios. As primeiras notificacións, de un total de 865, xa recollen a obriga legal de xestionar a biomasa nas redes de faixas de xestión e, cando corresponda, retirar as especies arbóreas prohibidas.
Prazo de quince días
As persoas responsables das parcelas disporán dun prazo máximo de 15 días naturais, contados desde o día seguinte á recepción da notificación, para cumprir voluntariamente coas obrigas de limpeza. Ademais, deberán comunicar ao Concello o inicio e a finalización dos traballos, co fin de que quede constancia do seu cumprimento.
O alcalde de Cambados, Samuel Lago, salienta que “a prevención é a mellor ferramenta para facer fronte ao risco de incendios, especialmente nas zonas nas que existen vivendas próximas a parcelas con abundante vexetación. O Concello ten a responsabilidade de actuar e, grazas ao acordo con Seaga, podemos reforzar o control e facilitar o cumprimento das obrigas por parte dos propietarios”.
Desde o Concello lembran que a limpeza das parcelas non é unha recomendación, senón unha obriga establecida pola normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais. Por iso, a administración municipal realizará as correspondentes comprobacións e notificará os incumprimentos detectados.
No caso de que, transcorrido o prazo establecido, persista o incumprimento, a normativa contempla a adopción de diferentes medidas, entre elas multas coercitivas reiteradas cada tres meses, por unha contía de 900 euros por hectárea de superficie non xestionada, ou a parte proporcional correspondente, cun mínimo de 100 euros.
Tamén poderá procederse á execución subsidiaria dos traballos por parte da Administración, repercutindo posteriormente os custos asumidos sobre as persoas responsables da parcela.
Multas de ata un millón
O Concello tamén lembra que o incumprimento destas obrigas pode dar lugar, ademais, á apertura do correspondente procedemento sancionador en materia de incendios forestais, con sancións que poden alcanzar os 1.000 euros no caso das infraccións leves, 100.000 euros nas graves e 1.000.000 de euros nas moi graves, segundo a cualificación da infracción.
“O que pretendemos é que as persoas propietarias actúen antes de que sexa necesario chegar ás sancións ou á execución subsidiaria. O obxectivo principal é previr e conseguir que as parcelas estean en condicións adecuadas, contribuíndo entre todos a facer de Cambados un municipio máis seguro fronte aos incendios”, sinala o alcalde, Samuel Lago.
O Concello de Cambados fai un chamamento á colaboración dos propietarios e responsables das parcelas para que procedan á limpeza dos terreos cando sexa necesario e cumpran cos prazos establecidos nas notificacións que reciban.











